Jean Marie Okutu e Alberto Salcedo convocados para a Copa de Europa de Nacións
Por Redacción
A Federación Española de Atletismo confirmou a composición da expedición que representará a España na Copa de Europa de Nacións que se celebra este fin de semana na localidade británica de Gateshead.
Na lista encóntranse o marinense do Fútbol Club Barcelona Jean Marie Okutu, que competirá en salto de lonxitude, e o velocista sevillano da Sociedad Gimnástica Alberto Salcedo, suplente no 4 x 100.
Okutu, dobre campión de España, cobre a baixa por lesión de Eusebio Cáceres, atleta que esta tempada acredita 8,22 como mellor rexistro polos 7,82 de Jean Marie. O marinense intentará buscar na competición internacional achegarse á súa mellor marca (7,94) e de paso derrubar a barreira dos 8 metros.
Pola súa banda Alberto Salcedo foi convocado ante os problemas musculares de Ángel David Rodríguez, aínda que nun principio o equipo español de relevo estará composto por Eduard Viles, Adriá Burriel, Bruno Hortelano e Sergio Ruiz.
España ten por obxectivo en Gateshead lograr a permanencia na máxima categoría do Campionato de Europa de Seleccións, para o que terá que evitar os tres últimos postos nunha competición na que estarán presentes 12 equipos.