O Umia cae nos penaltis e queda por segundo ano ás portas de levantar a Copa Deputación
Por Redacción
Cruel desenlace para o Umia CF na final feminina da Copa Deputación de Pontevedra celebrada este mércores no campo pontevedrés do Carrasco, en Marcón.
O conxunto do Salnés, campión da fase pontevedresa tras superar a Atletico Arousana (4-0) e Viaxes Interrías (4-1), quedou por segundo ano consecutivo co mel nos beizos. Púxose por diante e tivo opcións para sentenciar, pero terminou cedendo ante o Valladares na sempre imprevisible quenda de penaltis, despois de pechar o tempo regulamentario con empate 1-1.
O Umia, que este ano xogaba en 1ª Autonómica pero que ascendeu a categoría nacional, enfrontábase a un equipo de superior categoría como o Valladares (2ª División), campión da fase viguesa, pero iso non as intimidou e no primeiro tempo mostráronse superiores.
Así, cando só transcorreran 6 minutos de xogo, chegou o 1-0 de Alba Ferré tras unha acción polo costado zurdo.
Todo cambiou na segunda metade, na que as viguesas tomaron a iniciativa en busca do empate. Puido chegar tamén o 2-0 aos 59 minutos, salvando Tamara na mesma liña de gol, pero as xogadoras adestradas por Moisés Campos deron un paso atrás para defenderse con orde. Perdoou o Umia e o que chegou foi a igualda, no 69, de Trabazos.
Nos últimos minutos o Valladares estivo preto do 1-2, pero a boa actuación de Patricia Casas na portería evitouno, polo que todo ía decidir na quenda de penaltis.
Desde os 11 metros, o Valladares mostrouse contundente. Lidia errou o terceiro lanzamento do Umia, o que aproveitou Carla para pechar unha quenda sen fallos do seu equipo para levar a copa provincial.
#CopaDeputación Final! Carla Carballo converte o último penalty e dálle o título ao @ValladaresFem! Parabéns! pic.twitter.com/jBnPqfMGk8
— Deputación Pontevedra (@depo_es) 5 de junio de 2019
UMIA CF (1): Patricia Casas; Sandra, Cris, Ainhoa Barreiro, Graci (María Vázquez, min.72), Paula, Eva López, Miri, Lida, Alba Ferré, Alba Barral (Rebeca, min.61).
CD VALLADARES (1): Judith (Albita, min.92); Nerea, Gloria, Tamara, Marta, Hele, Mery, Loles (Loli, min. 81), Álex Pichel (Carla, min. 93), Anita, Trabazos.
Goles: 1-0 (min.6), Alba Ferré. 1-1 (min. 69), Trabazos.
Árbitro: Iria Rosendo. Amoestou polo Umia a Paula e polo Valladares a Nerea e Marta.