O colexio Vilaverde recibe a 363 nenos no seu XXV Cros Escolar
Por Redacción
Máis de 360 nenos participaron este sábado no tradicional Cros Escolar do Colexio Vilaverde, que este ano chegou á XXV edición. As instalacións do centro recibiron aos seus alumnos de infantil e primaria, alén dos procedentes doutros colexios públicos do concello pontevedrés: Marcos da Portela, Fina Casalderrey, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Ponte Sampaio, Manuel Vidal Portela, Praza de Barcelos, Campolongo e Concepción Crespo Rivas.
Tamén tiveron o seu momento de protagonismo os pais e avós dos estudantes, xa que puideron tomar parte na competición.
O cros percorreu as rúas adxacentes ao centro (que foi o punto de reunión durante o desenvolvemento): Ángel Limeses, San Amaro, Valdecorvos e Vilaverde. Dependendo da idade dos corredores, o tramo para atravesar foi distinto (a máis idade, máis metros).
A cita comezou ao redor das 10:30 da mañá nas inmediacións do Vilaverde, coas zonas cortadas ao tráfico con anterioridade.
Os primeiros en participar foron os alumnos do primeiro ciclo de Educación Primaria (1º e 2º curso), masculinos e dez minutos máis tarde as féminas (250 metros de traxecto). A seguir, preto das 11:00, foi a quenda de 3º e 4º de Primaria, que percorreron un total de 700 metros. Os máis pequenos da xornada foron os seguintes. Os alumnos de 3, 4 e 5 anos completaron un tramo de 150 metros. Achegándose ao final, tomaron a testemuña os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria nun traxecto de 1.200 metros.
Os pais e avós dos estudantes tamén tiveron o seu momento de gloria (18 participantes), a partir das 12:30, seguidos polas nais e avoas (21), que non quixeron perderse a diversión da xa tradicional cita cos seus fillos e netos.
Ademais, para rematar, o centro tamén quixo contar con antigos alumnos, así que preparou unha proba para os mozos de 1º e 2º da ESO, que xa non cursan os seus estudos no centro Vilaverde.
Foi un encontro que pretendía ser, máis que unha competición, unha xornada festiva para todos, conseguindo fomentar, así, as relacións entre os distintos centros do concello. Bo tempo, bo ambiente e, sobre todo, ganas de repetir o ano que vén.
Relacionadas:
-
A mellora da seguridade viaria no ámbito do colexio Vilaverde chegará ata a Avenida de Lugo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Máis de 350 rapaces participan no cross escolar do colexio Vilaverde
Por Redacción |
-
O cross que reúne tantos participantes como días ten o ano celébrase en Mourente
Por Redacción |