Pibe, unha perla granate a punto de voar cara a Sevilla
Por Ramiro Espiño
A saída de Javi Pazos e Pacheco, dous dos xogadores nacidos na canteira granate, que non aceptaron as ofertas de renovación prateadas polo Pontevedra, a sangría de novos valores pode continuar nas próximas datas. O seguinte en marchar pode ser o xuvenil Pibe, que ten as negociacións moi avanzadas co Real Betis Balompié, para incorporarse ao conxunto andaluz e integrarse na canteira verdibranca.
Recordemos que o mozo dianteiro, ao que restan aínda dúas tempadas máis en idade xuvenil, chegou a debutar co primeiro equipo do Pontevedra no partido disputado a tempada recén finalizada, en Pasarón, fronte ao Barbadás. O Betis interesouse polo xogador, especialmente tras os bos informes facilitados polo que fose adestrador da base granate, e do Villalonga, actualmente no filial do club andaluz, Guillermo Fernández Romo.
As conversacións entre Betis e Pontevedra véñense mantendo dende fai xa algunhas semanas, e segundo puido saber PontevedraViva, poderían estar a punto de cristalizar coa saída do dianteiro en canto se limen pequenos detalles pendentes, relativos á compensación que habería de recibir o Pontevedra en función da progresión e obxectivos que vaia conseguindo Pibe na súa traxectoria futura.
PODEN SEGUIR AS FUGAS DE XOGADORES NOVOS
Pero as de Pibe, Javi Pazos e Pacheco poden non ser as únicas baixas de xogadores da canteira que abandonan o Pontevedra. Aínda sen confirmar, hai rumores insistentes de que Buba, que remata a súa relación co club o próximo 30 de xuño, podería estar máis fóra que dentro. O xogador, tamén en idade xuvenil e que xa participou en bastantes partidos co primeiro equipo a pasada tempada, manifestou que polo momento non sabía nada do Pontevedra, se ben non quixo recoñecer tampouco o posible interese del Celta en contar cos seus servizos.
Outro dos que igualmente pode rematar cambiando de aires é Tomás, que aínda non decidiu o seu destino, se ben neste caso está pendente de valorar as opcións que se lle poidan presentar.
No aire queda igualmente a renovación do porteiro do filial, Edu Souza. O Pontevedra pretende renovalo, pero para que continúe como terceiro porteiro, mentres que o xogador non está moi convencido de seguir un ano máis en Rexional Preferente. Deste modo pode resultar fundamental para a súa decisión a renovación ou non de Lorenzo, do que se espera de resposta ao club nas próximas datas.