Cambio de horario para o dramático derbi entre Cangas e Teucro pola permanencia en Asobal
Por Redacción
A Liga Asobal confirmou o cambio de horario para o derbi pontevedrés do próximo sábado, 18 de maio, entre Cangas e Teucro no Gatañal e no que estará en xogo a permanencia na máxima categoría nacional.
Ao confirmar o Ángel Ximénez de Puente Genil a súa continuidade matemática en Asobal e co Alcobendas xa descendido, a praza de descenso que queda por decidir é cousa de dous, concretamente dos dous equipos pontevedreses.
Ao non afectar por tanto a terceiros o resultado do seu encontro, a Liga e, en última instancia, o Comité Nacional de Competición da Real Federación Española de Balonmán aprobou o cambio para que non se xogue no horario unificado previsto para o resto da xornada, as 16:00 horas.
Desta forma o derbi pasará a xogarse ás 17:00 horas, accedendo á petición da Televisión de Galicia, que retransmitirá o duelo, e dos propios equipos para tentar que O Gatañal encha para vivir a festa do balonmán galego.
Separados por 3 puntos na táboa (13 o Teucro por 16 o Cangas) todo o que non sexa unha vitoria para os da capital provincial supoñerá o seu descenso matemático a División de Honra Prata a falta dunha xornada máis para o final da competición.
Relacionadas:
-
O Teucro xa é equipo de Honra Prata ao caer ante o Cangas (25-24)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
Un derbi en Cangas a vida ou morte para o Teucro
Por Diego Espiño |
-
Esperada derrota do Teucro ante un Barça que non deu tregua (21-35)
Por Sofía Lorenzo & Mónica Patxot |
-
O Teucro naufraga ante o Valladolid e complica a súa salvación (38-26)
Por Sofía Lorenzo |