O fortín de Pasarón cedeu... tras 22 partidos invicto
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol logrou encadear unha das súas mellores series de resultados no Estadio Municipal de Pasarón, pero iso non lle valerá para disputar a fase de ascenso a Segunda División que tanto ilusionaba a plantel e afeccionados.
Os de Luismi chegaron a encadear ata 22 xornadas sen perder no seu estadio, entre o final da pasada campaña e toda a que está a piques de concluír, pero os malos resultados a domicilio afastaron ao equipo definitivamente dos primeiros postos á primeira ocasión que o fortín cedeu.
A derrota ante o Atlético de Madrid B vai figurar como a única da tempada na casa. Ata entón o Pontevedra lograra sumar 40 dos seus 59 puntos xogando ante os seus, con 11 vitorias e 7 empates. Números que colocan aos granates como un dos mellores locais de categoría nacional e que contrastan cos rexistros fóra (6 triunfos, 1 empate e 11 derrotas).
A xeira positiva, ademais das 18 xornadas que se mantivo invicto no presente curso, agrándase co tramo final da tempada 17/18 con catro encontros máis (1 vitoria e 3 empates).
Mellorar lonxe de Pontevedra debe ser por tanto un dos obxectivos do club pensanso no próximo campionato, tendo en conta que nas últimas campañas foi o punto débil do equipo, tanto con Luismi como co seu predecesor, Luisito.
Esa será en todo caso outra historia na que aínda quedan moitos interrogantes por resolver. Primeiro, a entidade céntrase en terminar o mellor posible a liga na última xornada, o vindeiro domingo 19 de maio no campo do Real Madrid Castilla. Despois chegará a planificación, con altas e baixas que deberán empezar a resolverse desde o banco para saber se Luismi asume un ano máis o reto de dirixir a nave.
VARIACIÓNS NA ÚLTIMA SEMANA DE COMPETICIÓN
A semana que acaba de comezar será a última de competición para os granates, e o corpo técnico decidiu variar a dinámica de traballo pasando a este luns a habitual xornada de descanso. O martes o equipo volverá aos adestramentos en Cerponzóns, campo no que se exercitarán todos os días da semana a excepción do xoves (A Xunqueira) ata que o sábado emprendan a viaxe a Madrid para enfrontarse ao Castilla.
Relacionadas:
-
Triunfo de prestixio do Pontevedra sobre o Real Madrid Castilla para pechar a liga (0-1)
Por Ramiro Espiño |
-
Real Madrid Castilla, último trámite ligueiro para o Pontevedra
Por Redacción |
-
A negociación para a continuidade de Luismi, aparcada ata o final da liga
Por Diego Espiño |
-
Graves erros defensivos lastran o Pontevedra ante o Atlético de Madrid B enterrando as súas opcións (0-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
'Déjà vu' do Pontevedra cunha derrota nas Palmas que complica a fase de ascenso (2-1)
Por Diego Espiño |