Sete piragüistas galegos, entre eles o arousano Diego Romero, ás finais do Campionato de Europa de pista
Por Redacción
Chegan as primeiras boas novas para o piragüismo galego desde o Campionato de Europa de pista que se disputa desde este venres en Montemor (Portugal). Sete padexeiros galegos loitarán polas medallas. Entre eles, o arousano Diego Romero. O deportista do Club Breogán de O Grove clasificouse para a final de C-1 1.000 metros. Xunto a el optarán aos metais José Luís Bouza, Tania Fernández, ÿscar Carreira, Rodrigo Germade, Gabriel Campo e Rubén Millán.
Diego Romeu afrontou a xornada co dobre obxectivo de clasificarse para as finais de C-1 500 e 1.000 metros. Un gran esforzo durante todo o día. Logrou superar a rolda previa en C-1 1.000 metros con moita dificultade, xa que lle tocou unha serie con rivais moi fortes. Pero nunha das semifinais demostrou a súa mestría. Controlou o seu ritmo e no tramo final conquistou o seu obxectivo. Non puido facer o mesmo na distancia de 500 metros. Foi eliminado en semifinais.
O galego demostrou unha gran fortaleza e na xornada do sábado buscará na final estar entre os mellores. Non parece unha tarefa sinxela, sobre todo pola calidade e dos seus adversarios. Será a primeira vez na súa carreira deportiva que afronte a loita polas medallas nun Campionato de Europa da categoría sénior.
José Luís Bouza, do Kayak Tudense, logrou o seu desafío de estar nas finais de C-2 500 e 1.000 metros xunto ao asturiano David Fernández. O padexeiro confirmou que se atopa nun bo momento de forma e mostrouse ilusionado por facer algo importante. Os dous protagonizaron unha xornada épica, ao ter que esforzarse en dúas distancias. A capacidade de superación de ambos quedou claramente demostrada.
ÿscar Carreira e Rodrigo Germade, xunto Javier Hernanz e Iñigo Pena, lograron de xeito brillante o seu pase á final en K-4 1.000 metros. Estiveron perfectos na rolda previa e chegaron en segundo lugar á chegada, nun apertado final, nunha das semifinais. A embarcación española tivo un magnífico comportamento.
Tania Fernández, do Fluvial de Lugo, foi unha das compoñentes do equipo español de K-4 que logrou o seu pase á final en 500 metros. As súas series foron magníficas e ata superaron a adversarias con máis prestixio. A lucense foi unha das grandes protagonistas da xornada.
A todos eles débese engadir Gabriel Campo e Rubén Millán, que lograron tamén estar presentes na final de K-2 500 metros. Nunha semifinal intensa, lograron clasificarse de xeito brillante.
Un dos aspectos máis importantes de todos estes padexeiros galegos é a mocidade dos seus compoñentes. Todos eles, salvo José Luís Bouza, pertencen aínda á categoría sub-23.
Na xornada do sábado disputaranse nove finais en diversas categorías, así como varias eliminatorias. Teresa Portela, André Oliveira, Adrián Siero, Carlos Arévalo, Cristian Toro, Ana Varela, Carla Pérez e Raquel Rodríguez. O domingo competirá Tono Campos.
Relacionadas:
-
Teresa Portela, prata en K-1 200, e Raquel Rodríguez, cuarta en C-2 500, brillan no Europeo de Piragüismo en Pista
Por Alejandro Espiño |
-
Teresa Portela e Tono Campos pelexarán polas medallas no Europeo de Pista, Diego Romero sétimo en C-1
Por Alejandro Espiño |
-
Teresa Portela e Tono Campos encabezan o equipo galego para o Campionato de Europa de piragüismo en pista
Por Redacción |