Pontevedra e Atlético de Madrid B enfróntanse nunha auténtica final polo play-off
Por Ramiro Espiño
Gañar e seguir soñando ou dicir adeus á ilusión de disputar o play-off de ascenso. Esa é a disxuntiva para un Pontevedra que recibe ao Atlético de Madrid B nunha auténtica final (domingo, 18:00 horas) en Pasarón.
Haberá ambiente de gala, xa que a afección granate prepara iniciativas para animar aos seus, organizando unha "quedada" na porta de acceso sur ao estadio ás 16:00 horas, para esperar a chegada dos xogadores e transmitirlles o seu apoio.
O filial colchoneiro chega coa intención de asegurarse matematicamente o seu posto entre os catro primeiros e mesmo esperar un tropezo do líder Fuenlabrada para ter opcións de levantarse ao primeiro posto na última xornada.
Pola súa banda aos granates non lles serve máis resultado que a vitoria, pois o empate deixaríalles a expensas dunha complicada carambola de resultados de terceiros, mentres que de non sumar puntos o partido final fronte ao Real Madrid Castilla en Valdebebas pasaría a converterse nun mero trámite co que despedir unha tempada sensacional, pero que se complicou coa irregularidade dos de Luismi lonxe de Pasarón, especialmente nas dúas últimas e inesperadas derrotas fronte a Unión Adarve e Las Palmas Atlético.
Pendente do estado de Kevin Presa, que xa completou traballo co grupo durante a semana, e de Adrián León, aínda adestrando con reservas, aínda que parece que ambos chegarán a tempo, Luismi recupera tamén a Churre, tras cumprir sanción, polo que poderá contar con todos os seus efectivos para este decisivo compromiso.
O técnico granate era claro ao considerar o choque como "unha final onde nos xogamos todo", confiando na axuda dos seus seguidores "o mellor é que é aquí en Pasarón, diante da nosa xente e cun bo ambiente como seguro que vai haber, polo que iremos a por o partido coa intención de acudir logo a Madrid con opcións de meternos no play-off".
Luismi afirmou que os seus homes estaban con moitas ganas "os xogadores están a desexar que chegue o domingo para saltar ao campo e demostrar que a pesar destes dúas últimas derrotas fóra da casa estamos moi vivos".
Con respecto ao rival, Luismi afirmou que "son un equipo moi agresivo, con balón e sen balón, con futbolistas que a pesar da súa idade teñen unha madurez espectacular e que algúns xa debutaron co primeiro equipo, pero debemos preocuparnos máis de nós que do rival porque se facemos as cousas ben, sen cometer erros, tamén somos un equipo difícil e que poucos puntos deixa escapar de Pasarón".
O partido será dirixido polo colexiado Alfonso Vicente Moral (Castela-León), auxiliado nas bandas por Javier Gómez Gago e Carlos Frey Domínguez.
Relacionadas:
-
Graves erros defensivos lastran o Pontevedra ante o Atlético de Madrid B enterrando as súas opcións (0-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
'Déjà vu' do Pontevedra cunha derrota nas Palmas que complica a fase de ascenso (2-1)
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra viaxa a Canarias sen Adrián León a enfrontarse ás súas meigas
Por Diego Espiño |
-
Un irrecoñecible Pontevedra cae da zona de play-off ao perder ante o Unión Adarve (3-0)
Por Diego Espiño |