O badminton nacional buscará os seus novos campións en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O pavillón de Príncipe Felipe vestirá as súas mellores galas para acoller, a partir deste venres, o Campionato de España absoluto e sub-11 de bádminton. O torneo, no que participarán máis de 200 deportistas, reunirá á elite nacional deste deporte.
Durante os tres días do campionato, 75 clubs de quince comunidades autónomas e uns 600 partidos converterán a esta proba de Pontevedra nunha das de "maior diversidade" das celebradas nunca nun torneo de categoría nacional.
Así o destacou Jesús Pereiro, director deportivo do club organizador, o Ravachol Pontevedra, que espera que este campionato, o de maior nivel celebrado na cidade no ámbito do bádminton, sexa "todo un éxito".
Os grandes favoritos ao título, excepto Carolina Marín que non acudirá por lesión, estarán sobre a pista do Príncipe Felipe. O número 1 da clasificación masculina, Pablo Abián, once veces campión de España, tratará de revalidar o título. Non llo poñerán fácil rivais como Enrique Peñalver ou xogadores locais como Manuel Brea, cuarto xogador do escalafón nacional.
En categoría feminina, segundo Pereiro, o título podería estar entre Clara Azurmendi, Sara Peñalver e a pontevedresa Ana Carbón; mentres que en dobres, os favoritos son os irmáns Pablo e Javier Abián e as andaluzas Laura Molina e Haideé Ojeda, cos galegos Manuel Brea e Álex Nogueira e a parella Lorena Uslé e Claudia Leal á espreita.
Ademais, nos dobres mixtos, os asturianos Lorena Uslé e Alberto Zapico terán na parella pontevedresa formada por Raquel Miguens e Bruno Moldes os seus máximos rivais.
Pola súa banda, na proba sub-11, Yaide Gil e a estradense Izia Barcala, número 1 do ranking nacional, tratarán de impoñerse aos seus rivais e converterse en campións de España.
En total, 60 xogadores galegos -case un de cada tres deste campionato- participarán no torneo, o que pon de relevo a importancia do bádminton en Galicia, un deporte que ten no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra a súa gran referencia.