As grandes promesas da ximnasia rítmica galega xúntanse en Marín
Por Redacción
Máis de cincocentas ximnastas participaron esta fin de semana no V Torneo Club In Mare de ximnasia rítmica, celebrado no pavillón do colexio San Narciso de Marín. Esta xornada deportiva completouse, en horario vespertino, cun encontro interescolas.
O público puido gozar neste torneo de deportistas de clubs como As Triscas & Vila de Pontevedra, Rítmica Salnés, Ximnasia Rias Baixas, Saraiba ED Poio, Treboada, Ximnasia Porriño, Club Biqueira, Grand Jeté, Rítmica Vilagarcia, Viravolta Santiago, club Xiada, club Maniotas, Rítmica Vilarousa, Ritmica Arousa, Colexio Abrente e o club organizador.
Todas elas demostraron cos seus bailes o alto grao de cualificación que teñen as ximnastas a estas alturas da tempada, a escasos días de celebrarse a fase provincial que decidirá definitivamente que bailes loitarán por situarse no máis alto no campionato galego de ximnasia rítmica.
Ademais, tamén houbo oco para a ximnasia rítmica masculina. En categoría alevín participaron Felipe Meijueiro do Club Treboada, Unai Sanchez do Club Maniotas, Noe Charlín do club Ximnasia Arousa e Roi Bouzas do Club In Mare; mentres que en categoría infantil fíxoo Hugo Vázquez do club Vila de Pontevedra e Hernán Sio do club Ximnasia Porriño e en categoría escolar, Lois Castro de Escola Viravolta Santiago.
Estes ximnastas son actualmente dentro das súas categorías un referente da ximnasia rítmica masculina en Galicia e á súa curta idade xa conseguiron co seu traballo romper moitas das barreiras que este deporte ten para eles.
Na xornada de tarde, o público asistente puido gozar de corenta actuacións dos diferentes colexios e escolas deportivas da provincia con 230 ximnastas sobre o tapiz do pavillón do colexio marinense.