O Arosa cae en Lugo ante o Villalbés no tempo de desconto (1-0)
Por Redacción
O Arosa, despois da vitoria da pasada xornada ante o Laracha, viaxou esta fin de semana a Lugo para medirse ao Racing Club Villalbés, rival directo nesta recta final da tempada. Cando parecía que o choque remtaría en táboas tras 90 minutos sen goles, Alberto Lamas cambiou a sorte dos locais no tempo de desconto.
A pesar do resultado, durante a primeira metade do encontro o dominio foi lixeiramente dos visitantes, que, aínda chegando a crear varias ocasións de gol por medio de Luís García e Chiqui, non lograron adiantarse no marcador. Ambos os tiros foron detidos por Pita, gardameta local.
O segundo tempo estivo moito máis equilibrado. Sen accións perigosas por parte dos dous equipos ata a chegada do ecuador do mesmo. Foi Sylla quen rompeu a racha cun disparo a porta que, para desgraza dos arousáns, foise fóra. Xa nos últimos minutos as dúas escuadras aumentaron a intensidade de xogo, pero sen chegar a materializar nada no electrónico. Con todo, coa chegada do tempo engadido, Alberto Lamas conseguiu o 1-0 nun contragolpe, facendo, así, que os tres puntos quedasen en casa.
Consulta a acta do Racing Club Villalbés-Arosa SC.
O Ribadumia sumou, este domingo, a súa segunda derrota consecutiva. Despois da anterior ante o Paiosaco, os pontevedreses non puideron nesta ocasión ante o Compostela na Senra, a pesar de estar preto de finalizar en táboas. Así, ancóranse á parte baixa da táboa e coa necesidade de puntuar para escapar do descenso.
A primeira metade estivo completamente dominada polo cadro visitante. Xa no minuto 5, adiantouse no marcador cun gol de Aythami. Pouco despois (19'), Miguel Villar aumentou a renda dos seus cun disparo que non foi capaz de parar Roberto Pazos. Así marcharían ao descanso, co 0-2 no marcador.
Tras o paso polos vestiarios, os locais tiraron de orgullo e conseguiron, por medio de Rubén González no 62', recortar distancias (1-2), pero, para a súa desgraza, non o suficiente como para chegar á igualada.
Consulta a acta do CD Ribadumia-SD Compostela.
O Bergantiños derrotou, este domingo, ao Céltiga no Salvador Otero. Despois da vitoria da pasada xornada ante o Polvorín, os de Javi Rey non conseguiron responder ao tanto visitante, o que os condenou a quedar sen tres importantes puntos a falta de dúas xornadas do final da tempada. A pesar do resultado, mantéñense vivos na competición, ao non formar parte da zona de perigo (cuartos pola cola). Con todo, agora máis que nunca, precisan, de forma vital, dous bos resultados.
Xa na primeira metade do choque, adiantouse o cadro local no marcador. Foi un gol de Ekedi no minuto 16 o que estableceu o 0-1. Os locais, ante a vantaxe do Bergantiños e faltos de ideas, non conseguiron responder e recortar distancias, nin no tempo restante antes do descanso nin tras a continuación, poñendo, así, en bandexa, a vitoria aos visitantes.
Relacionadas:
-
O Arosa volve apostar por Rafa Sáez como adestrador
Por Sofía Lorenzo |
-
Final de tempada agridoce do Arousa ao caer ante o Somozas (1-0)
Por Redacción |
-
O Arosa leva o derbi na casa ante o Ribadumia e condénalle ao descenso (2-1)
Por Redacción |
-
O Arosa di adeus casi a toda posibilidade de entrar na fase de ascenso ao caer ante o Arenteiro (2-1)
Por Redacción |
-
Partido de necesidade que remata con final feliz para o Ribadumia a costa do Céltiga (3-2)
Por Redacción |
-
Dous goles de Sylla na Lomba dan a vitoria ao Arosa ante o Barco (2-1)
Por Redacción |