Manu Rodríguez mantén mínimas esperanzas para o Arosa tras vencer o Laracha (1-0)
Por Redacción
Mentres as matemáticas non digan o contrario, o Arosa seguirá pelexando. Se tras a derrota da fin de semana a súa clasificación para o play-off de ascenso parecía xa imposible, o cadro arlequinado gañou unha vida extra tras vencer este mércores na Lomba o Laracha (1-0).
A derrota dalgúns dos seus rivais fai que reduza desta forma a 4 puntos a distancia coa cuarta praza con 9 en xogo. Difícil, pero os de Rafa Sáez seguirano tentando.
Non era un encontro sinxelo sobre o papel o do Laracha, ante un rival inmerso na apertada pelexa pola salvación, pero os de Vilagarcía mostráronse moi serios.
Foi un duelo moi igualado, quizais coas opcións máis claras para o Arosa, pero que podía caer para calquera lado. Os minutos foron pasando con táboas no marcador ata que xa na recta final, no 80, chegou a acción decisiva. Manu Rodríguez desnivelou o encontro cun gran disparo que se coou pola esquina da portería.
Restaban 10 minutos e os locais souberon defenderse para facerse con 3 puntos que lle manteñen noveno pero máis preto do play-off.
Consulta a acta do Arosa-Laracha.
Importante vitoria do Céltiga para manterse con vida e opcións de lograr a salvación nas últimas tres xornadas. Os da Illa venceron no Salvador Otero o Polvorín (1-0) e aínda que seguen en descenso directo, no 17º posto, colócanse a tres puntos da zona que se salvaría de posibles arrastres.
Foron tres puntos de ouro pero que houbo que suar para conseguilos, e é tras case 90 minutos de xogo de intensidade e nervios, o Céltiga non logrou adiantarse no marcador ata o suspiro final grazas a un tanto de Javi Ben.
Todo un gol de ouro que permite seguir soñando con seguir na Terceira División.
Consulta a acta do Céltiga-Polvorín.
Peor lle foron as cousas ao Ribadumia, que queda cun pé en Preferente tras a súa derrota no campo dun rival directo como o Paiosaco (3-0).
Foi un duelo de gran tensión, conscientes ambos do que se xogaban, e iso traduciuse nunha primeira metade de tremenda igualdade. De feito o duelo non se comezou a decidir ata mediado o segundo acto, co 1-0 obra de Adrián.
Seguiuno tentando o Ribadumia, e cando estaba envorcado en busca do empate recibiu, no 88 e no 91, a puntilla por medio de Cristhian e Bilal. A desespración foi tal que os aurinegros sufriron dúas expulsións no resto do tempo de desconto.
A derrota deixa ao Ribadumia nunha situación moi delicada, ao ser 18º con 35 puntos, a 6 da primeira praza que escaparía de arrastres por descenso desde a Segunda B, posición que ocupa precisamente o seu rival este mércores.