Catro disciplinas deportivas únense na cuarta edición do PontevedRAID
Por Redacción
O Club Montañeiros Pontevedra A Roelo organiza este sábado 15 de xuño a cuarta edición do PontevedRAID, proba de aventura que supón a segunda cita puntuable da Liga Galega de Raids de Aventura.
O evento que se desenvolverá na contorna do encoro de Pontillón do Castro, onde se habilitará unha zona de transición, contará con catro seccións diferenciadas: orientación, carreira, kayak e BTT cunha proba especial de tiro con pistola de aire.
As 58 parellas inscritas realizarán un percorrido total de 84 quilómetros cun tempo límite para poder completalo, 9 horas, segundo explicaron os organizadores na presentación realizada este xoves no Concello de Pontevedra.