Un irrecoñecible Pontevedra cae da zona de play-off ao perder ante o Unión Adarve (3-0)
Por Diego Espiño
Só os malos resultados da maioría dos seus rivais directos deron aire a un Pontevedra Club de Fútbol que este domingo, tras moitas semanas sen aparecer con cinco vitorias consecutivas, mostrou a súa versión máis escura no feudo do Unión Adarve. Fíxoo unha vez máis esta tempada sobre céspede artificial, superficie sobre a que este curso só sumou 4 de 21 puntos posibles.
Os granates, vestidos nesta ocasión de azul, víronse sorprendidos polo xogo directo e a intensidade do rival, que xogaba a permanencia na categoría, e enterraron as súas opcións de sacar algo positivo nunha horrorosa primeira metade.
Foi madrileño o primeiro achegamento, nos pés do nixeriano Adighibe aínda no primeiro minuto de xogo, pero respondía o Pontevedra cun disparo afastado e alto de Borja Domínguez. Nos primeiros instantes de xogo a pelexa estaba no centro do campo, sobre todo por rexeites e segundos balóns.
Parecía que non se engurraban os de Luismi, pero nese xogo o Adarve sentía forte e empezou a roldar a área defendida por Edu en accións a balón parado, con faltas, saques de esquina e mesmo saques desde a banda que poñían cara ao corazón da área.
Puideron os pontevedreses con todo adiantarse ao fío dos 15 minutos, pero fallou a finalización. Foi a mellor da primeira metade, porque desde aí veu o bajón. Álvaro Sánchez obrigou pouco despois a lucirse a Edu, e no minuto 22, chegou unha da xogadas clave. Os locais buscaron un saque de banda en longo, Adighibe conseguiu peitear e David Castro cometeu un claro penalti. Berodia, que enganou ao gardameta tudense, poñía o 1-0.
Foi un golpe duro, pero máis o foi o 2-0, que chegou só tres minutos despois tras un grave erro de Adrián León. O central viuse sorprendido por unha prolongación de cabeza dun rival perdendo a posición ante Álvaro Sánchez, que encarou sen oposición a Edu para baterlle por baixo ante a súa saída.
Importante botín para os madrileños, que puideron mesmo ampliar a súa renda ata o descanso ante a falta de reacción do Pontevedra. Así, Juanma gozou dun remate de cabeza nunha situación clara e de novo Álvaro Sánchez atopouse un balón na área tras unha indecisión defensiva rematando ao traveseiro. Nacho López gozou da única ocasión visitante nese tempo, xa no desconto, ao rematar con potencia desde a frontal, á saída dun córner, marchándose o balón lixeiramente desviado.
Necesitaba un cambio o conxunto pontevedrés, e tentouno Luismi no descanso dando entrada a Mikel Arruabarrena e Álex González por Romay e Pedro Vázquez. Iso, unido ao paso atrás do Adarve, permitiu ver tras o paso por vestiarios a un equipo que se achegaba máis polas proximidades da meta contraria, máis por empuxe que por xogo.
Aínda así, non chegaban ocasións claras e os minutos seguían descontando. A absurda expulsión de Rico no 67, con dúas tarxetas consecutivas e a segunda dela por desprazar o esférico tras unha falta, abría unha nova porta á esperanza de rescatar polo menos un punto, pero os locais defendéronse con uñas e dentes e mesmo foron capaces de chegar con perigo en dous contras. No primeira Ángel estivo a piques de sorprender a Edu, o que conseguiu xa co tempo cumprido nunha acción individual que finalizou cun expléndido zurdazo desde a frontal para finiquitar o partido.
Oportunidade perdida para o Pontevedra, que podía colocarse ao ronsel mesmo do primeiro posto. En lugar diso, cae á quinta praza en beneficio do Castilla, con quen empata a puntos co average por decidir na última xornada (3-0 na ida en Pasarón). Quedan tres partidos e aínda haberá que remar moito para tentar gañar un posto na fase de ascenso. Seguinte parada Las Palmas Atlético.
UNIÓN ADARVE (3): De las Heras, Souza, Jordi, Olmedo, Juanma, Darío (Escobar, min.91), Adighibe (Garci, min.75), Rico, Álvaro Sánchez, Berodia (Minña, min.91), Ángel.
PONTEVEDRA CF (0): Edu, Nacho López, David Castro (Pibe, min.72), Churre, Adrián León, Berrocal, Pedro Vázquez (Álex González, min.46), Borja Domínguez, Javi Pazos, Álvaro Bustos, Romay (Arruabarrena, min.46).
Árbitro: Antonio Sánchez Sánchez, auxiliado nas bandas por Agustín Banda Carmona e Jayro Muñoz García (Extremadura). Amoestou a David Castro e Churre no Pontevedra. Expulsou por dobre amarela o local Rico (min.67).
Goles: 1-0 Berodia, de penalti (min.22); 2-0 Álvaro Sánchez (min.25); 3-0 Ángel (min.90).
Incidencias: Partido da xornada 35 de liga na Segunda División B disputado no Estadio García de la Mata de Madrid.
Relacionadas:
-
Pontevedra e Atlético de Madrid B enfróntanse nunha auténtica final polo play-off
Por Ramiro Espiño |
-
'Déjà vu' do Pontevedra cunha derrota nas Palmas que complica a fase de ascenso (2-1)
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra viaxa a Canarias sen Adrián León a enfrontarse ás súas meigas
Por Diego Espiño |
-
A presenza de Adrián León ante o Las Palmas Atlético, "en el aire"
Por Diego Espiño |
-
Horario unificado para as dúas últimas xornadas de liga na Segunda B e Terceira División
Por Redacción |
-
Sen Churre nin Kevin para viaxar a Gran Canaria
Por Redacción |
-
Aprobado o novo modelo de Copa do Rei, co Pontevedra xa clasificado
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra B cumpre os seus soños de ascenso despois de catro tempadas en Primeira Rexional
Por Sofía Lorenzo |
-
O Pontevedra, a continuar a súa xeira positiva no feudo dun necesitado Unión Adarve
Por Diego Espiño |
-
Inoportuna lesión de Kevin Presa, baixa por unha rotura muscular
Por Diego Espiño |
-
A herba sintética, unha dificultade extra para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Máis preto do soño. O Pontevedra camiña con paso firme derrotando con autoridade ao Bouzas (3-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |