O Campionato de España de Vaurien deixa bo sabor de boca en Raxó
Por Redacción
A tripulación do Real Club Náutico de Valencia, formada polo italiano Francesco Zampacavallo e o valenciano Carlos Francés, foi a gran triunfadora do Campionato de España da Clase Vaurien de Vela organizado durante a Semana Santa polo Club Náutico de Raxó.
A competición deixou bo sabor de boca no municipio tras catro xornadas de regatas en augas da ría de Pontevedra, na que se puideron completar 11 das 12 probas programadas: dous o primeiro día da regata, tres o segundo, catro na terceira xornada e dúas na última.
Zampacavallo e Francés marcaron un forte ritmo desde o principio, e desde o inicio comandaron a clasificación. Pecharon finalmente a súa participación con 16 puntos e descartando como peor resultado un quinto posto parcial.
Os regatistas do Real Club Naútico de Vigo Pablo Cabello e Mario Pérez quedaron finalmente coa prata (26 puntos), mentres que o bronce foi para os vascos do Club Náutico de Hondarribia Alain Martínez e Iñigo Amunárriz (35 puntos).
Pola súa banda as locais Paula e Paloma González, do Real Club Náutico de Vigo, impuxéronse por partida dobre como primeira tripulación feminina absoluta e primeiras xuvenís.