O pontevedrés Pedro Ameneiro e o vigués Martín Wizner, clasificados para ao Mundial Xuvenil
Por Redacción
Unha mala xornada final deixou sen triunfo ao pontevedrés Pedro Ameneiro e ao vigués Martín Wizner no Campionato de España da Clase 420 de vela celebrado durante os últimos días en augas da Ría de Arousa, en Vilagarcía.
Chegaban como líderes ao día decisivo, pero dúas envorcadas relegáronlles á terceira posición final, superados polos baleares Conrad Caspar Konitzer e Fernando Rodríguez, mentres que Carlos Balaguer e Clara Llabrés levaron a medalla de prata.
O título feminino pola súa banda foi a parar a Patricia Reino e Isabel Laiseca (RCN Gran Canaria).
A pesar da decepción final, Ameneiro e Wizner si obtiveron unha importante recompensa ao seu esforzo, ao clasificarse para o Campionato do Mundo Xuvenil que se disputará en Gdynia, Polonia, do 13 ao 20 de xullo.
Acudirán á cita como vencedores do ranking nacional, sumando as regatas do Campionato de España e da Copa de España de San Sebastián 2018.
"O obxectivo era meternos no Mundial de Polonia. Tivemos un bo día o sábado, conseguimos gañar bastante distancia e a verdade é que arrasamos. Hoxe saíunos un día bastante malo e quedámonos xustos, pero conseguímolo", sinalou tras a competición Wizner en declaracións á Federación Galega de Vela.
No Nacional da Clase 420 tamén foi destacada a actuación do arousán Jacobo García e o coruñés Toni Ripoll, oitavos na clasificación xeral.