O Teucro xógase a súa Resurrección este domingo en Alcobendas
Por Sofía Lorenzo
O Teucro xógase todo este domingo en Madrid. Se quere seguir vivo ata o final e manter, así, a categoría, non pode abandonar nada ao azar ante o Alcobendas que, a pesar de ser pechacancelas de Asobal, "sobe moitísimo o seu rendemento na casa", asegura o técnico teucrista. O cento por cento dos puntos do cadro local (6, correspondentes a tres vitorias) foron conseguidos na súa pista.
A pesar de todo, os pontevedreses regresan á competición despois dun parón de dúas semanas e "sempre supón unha incógnita á hora de ver como responde o equipo, pero imos concienciados para facer un bo traballo e tentar, como sexa, sumar eses dous puntos para seguir na loita", explica Luís Montes.
O mesmo confesa que "sen dúbida, o choque contra o Alcobendas é a primeira final que temos que afrontar", xa que, a pesar de existir aínda posibilidades matemáticas de permanencia, "a derrota deixaríanos practicamente sen oportunidades", engade.
Ademais, "dentro das circunstancias especiais deste partido", vital para os pontevedreses, Montes destaca o "condicionante de xogar un domingo pola mañá, sendo o primeiro desta tempada en horario matinal para nós". Para iso, ao longo da semana, "fomos variando os momentos de adestramento e, así, intentar que os xogadores fosen aclimatándose o máximo posible".
Sobre os seus rivais, Luís Montes manifesta con seguridade que "van tentar esgotar todas as opcións matemáticas para a salvación, porque perder ante nós levaríaos a estar a un punto do descenso a falta dos cinco partidos que quedarían". Aínda que os teucristas gañasen con autoridade aos madrileños na primeira volta, Montes non deixa de lado a dificultade dun encontro cun Alcobendas que "perdeu por un só gol ante o Ademar León e que fixo sufrir a practicamente todos os equipos da categoría no seu campo".
No referente á súa plantilla, fóra de Andrés Moyano que se atopa recuperándose da operación de menisco, espera que "podamos viaxar todos, incluso Iván Fernández, que esta semana xa estivo adestrando ao mesmo nivel que os seus compañeiros. En principio iremos todos".
Finalmente, Montes, consciente da importancia desta xornada para o equipo, asegura que "faremos todo o posible por tentar seguir vivos ata o final da competición e salvar a categoría", conclúe.
O encontro disputarase a partir das 12:00 horas deste domingo no Municipal Amaya Valdemoro de Madrid.
Relacionadas:
-
O Teucro deixa escapar un punto de ouro ante o Alcobendas (28-28)
Por Sofía Lorenzo |
-
Empate con sabor amargo do Teucro ante o Huesca (28-28)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
"Partido transcendental" para o Teucro, que recibe sen marxe de erro o Huesca
Por Diego Espiño |
-
Derrota en Puente Genil para un Teucro que ve cada vez máis preto o descenso (25-21)
Por Redacción |