O Torneo de baloncesto 3x3 batirá récords con máis de 850 participantes na Avenida de Montero Ríos
Por Redacción
Este xoves 13 a partir das 9:30 da mañá, a avenida de Monteiro Ríos será unha enorme cancha de baloncesto con 27 pistas nas que se van xogar 594 partidos sen finalidade competitiva.
Dos doce anos que se leva organizando o Torneo de baloncesto 3 x 3, esta edición de 2013 será a que conte con máis participantes batendo todos os récords. Máis de 850 escolares de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria pertencentes a oito colexios de Pontevedra e nenos da Asociación Virxe da OU xogarán neste torneo que, segundo explicou Maite Méndez del Club Baloncesto Arxil, organizadores do evento, se desenvolve coa intención de promover o deporte da canastra na cidade. Ao mesmo tempo, este encontro serve tamén para que os adestradores do Arxil e do Estudantes encontren a futuros xogadores para os equipos locais. Deste xeito nos anos anteriores, varios nenos recibiron convites para incorporarse aos clubs da cidade e Maite Méndez sinala que doce nenas de colexios de Pontevedra participaron xa no campionato galego de mini-basket.
O torneo, apoiado polo concello de Pontevedra e a Deputación, contará con cincuenta profesores e máis de trinta voluntarios que axudarán a que as actividades se desenvolvan con toda normalidade. Cada participante recibirá unha camiseta e un regalo conmemorativo desta cita.