Un calendario que non ofrece respiro
Por Diego Espiño
Ninguén dixo que fose fácil. Tras alcanzar por primeira vez esta tempada postos de play-off, agora chega o máis difícil para o Pontevedra Club de Fútbol, manterse nos postos de honra nunhas cinco xornadas finais de liga regular que se presentan apaixonantes.
Os granates saben que dependen de si mesmos, e coa moral reforzada tras a súa escalada na clasificación e catro vitorias consecutivas senten preparados para todo, aínda que o seu calendario é un dos máis esixentes entre os candidatos para xogar a fase de ascenso.
Isto é así porque non dará respiro aos de Luismi, xa que en cada unha das cinco xornadas que restan enfrontaranse a equipos que se xogan moito. En ningún caso o rival estará situado en terra de ninguén, como adoita suceder nas últimas datas.
Empezando por este mesmo xoves (17:00 horas, Pasarón), o opoñente do Pontevedra non só será un Rápido de Bouzas no seu mellor momento, tras sumar 10 dos últimos 12 puntos, senón un equipo que pelexa con uñas e dentes por salvar a categoría. Os vigueses ocupan actualmente a última das prazas de descenso con 35 puntos, a 3 puntos da promoción e da permanencia.
Unha semana despois chegará o primeiro dos dous duelos consecutivos a domicilio que deberán afrontar os pontevedreses ante equipos en problemas, o Unión Adarve (28 de abril), outro dos inquilinos da zona de descenso con 33 puntos e que chegará coa auga ao pescozo. Non menos problemas ten o filial da Unión Deportiva Las Palmas (5 de maio), décimo sexto clasificado na praza de play-out e inmerso nunha dura pelexa pola salvación.
Pasada esta fase ante equipos da zona baixa, o conxunto granate xogaralla nas dúas últimas datas ante aspirantes ao ascenso, primeiro recibindo en Pasarón (12 de maio) ao Atlético de Madrid B, actual segundo clasificado, para pechar a liga fóra ante un Real Madrid Castilla (19 de maio) que marcha quinto a un só punto de distancia.
INVITACIÓNS ANTE O RÁPIDO DE BOUZAS
No que respecta á primeira das cinco finais, a do Xoves Santo ante o Rápido de Bouzas, o club pontevedrés permitirá retirar unha invitación a cada socio ata o mércores, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, mentres que o prezo das entradas para o último derbi da tempada fixouse en 20 euros en Tribuna, 12 euros en Preferencia e 10 euros nos fondos (5 euros público xuvenil e 3 euros infantil).
No plano deportivo, Luismi confía en recuperar a Álex González para a cita, co que tería a todos os futbolistas con ficha do primeiro equipo dispoñibles.
Relacionadas:
-
Tres días de descanso antes do emocionante sprint final
Por Diego Espiño |
-
Máis preto do soño. O Pontevedra camiña con paso firme derrotando con autoridade ao Bouzas (3-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
"Lo difícil ahora es mantenerse", asegura Luismi sobre o play-off antes de recibir o Rápido de Bouzas
Por Diego Espiño |
-
Suma e segue dun Pontevedra que gaña en Coruxo (0-1) e alcanza postos de play-off
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
A xornada entre Pontevedra e Rápido de Bouzas, en Xoves Santo
Por Diego Espiño |
-
Churre, convencido de poder xogar o play-off: "Depende de nosotros"
Por Diego Espiño |