O Arxil pon fin á tempada coa vitoria máis doce, na casa ante o Cerdanyola (64-56)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
O Arxil finalizou a tempada da mellor forma posible. Cunha vitoria e en casa. Despois de nove triunfos logrados ao longo de 25 xornadas, as de Mayte Méndez recibiron no CGTD ao CBF Cerdanyola, pechacancelas de Liga Feminina 2, coa clara intención de sumar unha máis, a máis doce de todas e ante a súa afección. As catalás, con todo, non poden dicir o mesmo, xa que, despois do partido deste sábado en Pontevedra, deben asimilar o desafortunado descenso.
As locais non só comezaron ben, senón que se mantiveron superiores durante todo o partido. Apoiadas, unha vez máis, en Gala Mestres, que anotou 23 dos 64 puntos, lograron finalizar o primeiro cuarto cunha vantaxe de 14 (24-10). Durante os dez minutos seguintes mantívose a mesma dinámica. Un Arxil motivado polas ovacións da bancada ao que lle saía todo, fronte a un Cerdanyola que cometía erros e non terminaba de ter a sorte do seu lado. Finalmente, as de Méndez marcharon ao descanso cun moi esperanzador 35-17.
Coa continuación, volveu tamén á pista un cadro visitante bastante máis centrado. Nun período de cinco minutos conseguiu realizar un parcial de 4-8, que lle axudaba a ir, aos poucos, recortando distancias. Pero as anfitrioas non cesaron a súa pelexa pola vitoria e responderon. Así, o último cuarto comezaba cun 51-36 no electrónico.
Moi distinto foron os dez minutos definitivos. O Arxil empezaba a cometer erros que poderían custarlle un bo resultado e as visitantes case conseguen darlle a volta ao partido. Estas lograron facer un parcial de 13-20, que, aínda que as favoreceu e permitiulles soñar durante uns momentos, non foi suficiente para superar ás pontevedresas na súa pista (64-56).
Desta forma, as arxilistas despiden un ano máis con boas noticias e cun moi bo sabor de boca.
Relacionadas:
-
O Arxil comeza a súa reconstrución despedíndose de Gala Mestres
Por Redacción |
-
O filial do Arxil proclámase campión galego e gaña unha praza en Primeira Nacional
Por Redacción |
-
O Arxil despide a tempada co MVP de Gala Mestres na última xornada
Por Redacción |
-
Estivo preto do Arxil a vitoria ante o Segle XXI pero perde en Barcelona (70-58)
Por Sofía Lorenzo |
-
As do Arxil apóianse na súa afección e derrotan ao Rioja a falta de dous partidos para o final (81-73)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
Estivo preto pero non conseguiu o Arxil a vitoria ante o Ardoi en Navarra (90-77)
Por Sofía Lorenzo |