O goberno local de Poio aproba as subvencións ao deporte de base
Por Diego Espiño
A concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas, analizou este venres as subvencións para o deporte base do municipio aprobadas esta semana na xunta de goberno.
Trátase de cantidades incluídas no orzamento municipal de 2019 e destinadas á axuda dos clubs deportivos que desenvolven as actividades das escolas deportisvas.
En total, Poio inviste este ano nestas subvencións 52.460 euros, o que sumándose ás axudas para a competición das entidades deportivas suman un total de 143.760 euros.
"Non é un acordo de agora, é algo que se vén consensuando desde verán con todos os clubes", explicou Caldas.
Para a convocatoria estableceuse un criterio "obxectivo", ao aportar 100 euros por cada alumno inscrito de 3 a 14 anos.
As Escolas Deportivas de Poio, que engloban as modalidades de fútbol, balonmán, piragüismo, tenis, ciclismo, taekwondo, baile e xadrez terán á súa disposición 32.740 euros. Ademais recibirán diversas cantidades o Poio Pescamar (12.060 euros), Club Kaiak Polo Combarro (1.300 euros), Saraiba ED (4.660 euros), Club Atletismo Poio (1.200 euros) e o Club Ciclismo Tríatlon Poio (500 euros).