San Salvador apúntase ás carreiras populares
Por Diego Espiño
A Carreira Noctura Móvete por San Salvador estréase en Poio apostando por consolidarse no calendario deportivo municipal.
A proba celebrarase o vindeiro sábado 6 de abril sendo a segunda cita do recentemente estreado Circuíto de Carreiras Poio Móvese, tras o Trail Ruta dos Muíños de Samieira.
Tras deixar de celebrarse no seu momento a carreira de San Xoán "o que intentamos é levar unha carreira á parroquia pero coas menos molestias posibles para os veciños", sinalou na súa presentación a concelleira de Deportes, Marga Caldas.
Por ese motivo en lugar da zona da Barca, o evento deportivo terá lugar na parte baixa de San Salvador, con dúas voltas a un percorrido (4,1 quilómetros en total) que terá saída e chegada no parque de Ankar.
A actividade comezará ás 18:30 horas coas probas de menores, mentres que a carreira absoluta celebrarase a partir das 19:30 horas.
As inscricións, aínda que de balde, deben formalizarse antes das 23:59 horas do mércores na páxina web www.championchipnorte.com.