Pontevedra CF: As inexactitudes do informe de impacto económico achegado no Concurso de Acredores
Por Ramiro Espiño
Os documentos que os responsables do Pontevedra C.F.S.A.D. achegaron ante o Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra, como anexos á proposta do convenio de acredores o mes de xuño do pasado ano, seguen sorprendendo a medida que se coñecen detalles dos devanditos documentos.
Se o pasado día 22 de maio PontevedraViva desvelaba o contido do Plan de Viabilidade e de Pagamentos, que constituía o Anexo I da referida proposta presentada, analizando todos os datos dun documento controvertido, e que causou un considerable balbordo á vez que indignación nun amplo sector da afección, agora descubrimos o documento achegado por Mauricio Rodríguez e os asesores contratados para o efecto, que consta como Anexo III na proposta de Convenio, como se pode comprobar na foto-composición que ilustra esta información.
O devandito documento, titulado como "Impacto económico da actividade do Pontevedra, C.F.,S.A.D. sobre a cidade de Pontevedra e a súa área de influencia", consta de 8 páxinas e está asinado polo que fora Director Xeral do R.C. Celta de Vigo na etapa de Horacio Gómez como presidente, Alfredo Rodríguez. No mesmo preténdese estimar en cifras a repercusión que para a hostalaría, comercio, industria, transporte e servizos, ademais de proxección de imaxe da cidade, ten o feito de que o club participe nas competicións futbolísticas.
A estimación final dese impacto, tanto de forma directa como indirecta, bota unha cifra cando menos rechamante, que se eleva a 1.774.476,95 euros ao ano, pero para chegar á devandita cifra se toman datos de partida certamente controvertidos, discutibles, ou que poden considerarse directamente erróneos e faltos do máis mínimo rigor.
Entrando na lectura detida do documento en cuestión chama a atención que se utilizase como base para a súa confección un estudo similar realizado pola Cámara de Comercio de Zaragoza para un equipo de Primeira División como o aragonés, xa que, se ben se pretende facer unha especie de prorrata dos ingresos, resulta difícil ou complexo extrapolar resultados económicos entre un equipo que compite na máxima categoría e outro que o fai en Terceira División ou en Segunda B, categorías nas que se pretende facer ver estará o Pontevedra durante os próximos 10 anos.
Pero aínda deixando ese aspecto de escasa relevancia á marxe, algúns dos datos valorados no documento son claramente erróneos de partida, mentres que outros simplemente carecen de base real, ao non ter en consideración os datos históricos das últimas tempadas do Pontevedra.
Así, na páxina dous do documento dise textualmente: "El equipo arbitral lo componen necesariamente y en todo caso 4 personas por partido". Pouco hai que engadir, salvo que o redactor e a asinante do informe se esqueceu o "pequeno" detalle de que tanto en Segunda B como en Terceira os árbitros son só 3, xa que non existe a figura do cuarto árbitro. Este detalle repítese sistematicamente en cada apartado do documento.
Nesa mesma páxina dise seguidamente: "La media acompañante de prensa de los equipos visitantes se estima en 10 personas". Este dato resulta cando menos esaxerado. Salvo raras excepcións, en Terceira División raro é o partido que rexistra a presenza dalgún xornalista que cubra a información do equipo rival, e mesmo nos anos de Segunda B, salvo en partidos de play-off de ascenso, a presenza de xornalistas foráneos é unha excepción.
Igualmente esaxerada é a estimación de acompañantes do equipo visitante, que se cifra en 60 persoas, aos que se engade afeccionados rivais, nunha cifra duns 200 por partido. Tamén en ambos os dous casos esas cifras están en clara contraposición coa realidade de cada domingo, o que doadamente pode afirmar calquera persoa que sexa asidua de Pasarón nos últimos anos.
O informe, elaborado polo que fora Director Xeneral do Celta de Vigo, Alfredo Rodríguez, di que en cada partido en Pasarón haberá 4 árbitros e 10 xornalistas visitantes con un impacto económico para a cidade de case 1,8 millons de euros ao ano
Os cálculos baséanse en que todas esas persoas (árbitros, xornalistas, acompañantes e seguidores) pasan a noite na cidade, comen, cean, utilizan medios de transporte locais, fan compras e gastan en servizos diversos, para chegar á cifra final indicada como "impacto económico".
Iso si, se ben se di: "En la medida que en Tercera División los equipos de fútbol de dicha categoría pertenecen a nuestra comunidad autónoma, los ingresos previstos en este apartado -refírese a incidencia no sector hoteleiro- podrían verse sensiblemente reducidos", o máis exacto sería dicir simplemente que non existen, salvo que o asinante coñeza casos nos que algún equipo, con todos os seus supostos e diversos acompañantes pasase a noite na cidade, ou utilizase algún medio de transporte local, que non sexa o seu propio.
Non entremos a valorar a cuantificación do chamado polo autor do informe como "efecto mediático", que valora nada menos que en 552.300 euros/ano, e que na situación actual do Club en Terceira División resulta cando menos discutible.
Recordemos que a elaboración, redacción e presentación destes documentos achegados ao Xulgado do Mercantil para sacar adiante o Concurso de Acredores, foi encargado por Mauricio Rodríguez e o Consello de Administración que preside a asesores externos que, como é lóxico, supuxo para o club ter que facer fronte ás súas correspondentes minutas de honorarios profesionais, non precisamente de escasa contía.