Segundo posto da Gimnástica en Burgos que lle dá a permanencia en División de Honra
Por Redacción
Segundo posto en Burgos e con el a permanencia en División de Honra. A Sociedad Gimnástica de Pontevedra conseguiu na tarde do sábado en Burgos a súa clasificación para seguir un ano máis cos mellores do atletismo nacional, co que afrontará a súa oitava tempada consecutiva na máxima categoría, fito que ata agora non lograra ningún club galego.
Os pontevedreses fixeron bos os prognósticos que lles sinalaban como un dos favoritos. Non obstante houbo que sufrir un pouco xa que cando tan só restaban cinco probas os números aínda non permitían respirar, ata que o terceiro posto en marcha de Mar Turc e a vitoria de Alfonso Palomanes, no triplo, permitiron asegurar matematicamente a categoría.
Á vitoria de Palomanes hai que sumar outros cinco triunfos parciais. Soberbio Ignacio Sarmiento que, con 51.78, bateu o récord do club de 400 metros valos. Na outra proba de valos, Julián Ortiz fixo unha carreira magnífica, igualando con 14.20 a súa marca persoal e record do club nos 110 metros. Mario García no salto con pértega empeza a demostrar a súa valía cunha gran marca de 4.90 e intentando saltar 5,10 pero sen conseguilo; unha pena o estado do corredor de carreira da pértega, xa que as súas malas condicións obrigaron a levar a proba ao módulo cuberto das pistas Purificación Santa Marta.
Víctor Gallego, con marca persoal no disco de 54.88, levouse a vitoria no último lanzamento. A última vitoria foi para o relevo 4 ÿ 400, no que Vide, Gallardo, Avilesino e Suárez brindaron un magnífico espectáculo, batendo tamén o record do club con 3.16.
Destacar tamén o segundo posto nos 200 metros de Alberto Salcedo, con 21.54, e nos 100 metros de Davis Alejandro, que nunha chegada moi apertada, fixo 10.78.
Ao final a Gimnástica con 101 puntos foi segundo do encontro, o Oviedo con 117 foi o gañador. Tenerife, con 93; Caixa Burgos, con 89; Unicaja de Xaén con 89; e Navarra de Pamplona, con 87, manteñen a categoría, descendendo o Benacantil (antigo Porto de Alicante) e o Sabadell con 83 e 60 puntos respectivamente.