Tono Campos, piragüista do Grove, proclámase campión de Europa de Maratón en Vila Verde (Portugal)
Por Alejandro Espiño
Novo éxito do piragüismo pontevedrés. Tono Campos, palista de O Grove, proclamouse campión de Europa de maratón na localidade portuguesa de Vila Verde. Conseguiu a medalla de ouro na modalidade de C-1, a mesma proba na que outro galego, Manuel Garrido, foi segundo. Toda unha xesta para o deportista meco que engade este triunfo ao Mundial que logrou en Roma o ano pasado.
Tono Campos e Manu Garrido dominaron do principio ao final a proba de C-1. Os dous adquiriron unha cómoda vantaxe na primeira das seis voltas. Os seus rivais quedáronse moi afastados e sen opcións. O duelo galego era claro e sen oposición de todos os demais participantes. Algo que ata sorprendeu aos dous, segundo recoñeceron posteriormente.
Ambos se mantiveron igualados ata o cuarto porteo, cando o tudense comezou a sufrir calambres. Campos foi entón capaz de deseñar unha táctica que lle deu resultado. Deuse conta da fatiga de Manuel Garrido, dosificó as súas forzas e ambos se separaron. O palista de O Grove pasou a exercer de dominador en solitario da proba. O tudense tamén foi capaz de ler a carreira e asegurarse o segundo posto.
Tras lograr a vitoria, Tono Campos, deportista adscrito ao club Ría de Betanzos, sinalou que "me sorprendeu a vantaxe que adquirimos Manuel e eu na primeira volta. Decidimos colaborar e esa foi unha boa opción". Engadiu que "despois notei que el tiña problemas, descansei un pouco e dei un tirón. El non podía seguirme e eu sentinme cómodo no traxecto final".
Tono Campos, tamén campión do mundo na especialidade de maratón, desvelou que "este non era un obxectivo prioritario na actual tempada, pero as cousas saíron ben e é para estar satisfeito". O palista engadiu que "foi unha bonita carreira e agora o que vou facer é intensificar os adestramentos para conseguir novos títulos".
O excelente nivel dos piragüistas galegos nunha das competicións máis importantes da tempada demostrouse tamén co triunfo de Iván Alonso, que se proclamou campión de Europa en K-1, ou co cuarto posto de Adrián Castiñeiras e Fabián Domínguez en C-2 xuvenil. Iván Alonso volverá competir o domingo en K-2 co zamorano Emilio Merchán. ÿscar Graña e Ramón Ferro completarán a representación galega en C-2.