Arosa e Céltiga encaixan severas goleadas en Ferrol e Redondela
Por Redacción
Non puido o Arosa cun Racing de Ferrol moi superior que ademais viu achandado o seu camiño o atoparse en superioridade numérica durante case toda a segunda metade ao ser expulsado con vermella directa o defensor arlequinado Pacheco, o que facilitou a goleada do conxunto verde (4-0).
Os visitantes non deron a talla nesta ocasión. Ao equipo de Rafa Sáez faltoulle intensidade para afrontar un partido destas características e especialmente, tras verse por detrás no marcador, foron incapaces de reaccionar, deixando pasar unha oportunidade de achegarse aos postos de play-off.
Juan Antonio abriu a conta aos 26 minutos para o Racing, resultado co que se chegou ao descanso.
Tan só ían disputados tres minutos do segundo tempo cando Pacheco era expulsado con vermella directa, co que os locais xa non tiveron problemas para dominar ao seu antollo. Garrido facía o segundo ao rematar dentro da área tras un saque de esquina e xa na recta final Pablo Rey, cun dobrete en cinco minutos, o primeiro de penalti, redondeaba a goleada.
Por parte arosista, Sylla tivo case a súa única oportunidade no minuto 67, pero o seu disparo foise ao traveseiro.
Consulta a acta do partido Racing de Ferrol-Arosa.
Aínda sen conseguir vencer, o Ribadumia encadea a súa oitava xornada sen perder (2 triunfos e 6 empates), que lle manteñen nunha zona perigosa, cada vez máis apertada, pero sumando un punto de moito mérito ante o segundo clasificado Bergantiños, nun partido no que os da Senra adiantáronse no marcador e estiveron moi preto de dar a badalada.
Diego Aval marcou para os locais á media hora de xogo, pero o Bergantiños conseguiu o empate definitivo aos 76 minutos, grazas a un tanto de Diéguez.
Os aurinegros deixaron moi boas sensacións fronte a un peligrosísimo rival, o que debe servirlles para aumentar a confianza en si mesmos na recta final pola permanencia.
Consulta a acta do partido Ribadumia-Bergantiños.
Viña o Céltiga de tres vitorias consecutivas pero a súa progresión foi freada en seco por un Choco inspiradísimo que lle endosou unha das goleadas da tempada (6-1) nun partido cun protagonista estelar, o dianteiro redondelano Antón Vilas, autor de nada menos que de cinco dos seis goles do seu equipo.
Vilas abría o camiño da goleada aos 22 minutos, aínda que o Céltiga empataba tres máis tarde por medio de Edu Otero. Con todo, a alegría insular durou pouco, xa que Vilas facía o 2-1 antes da media hora, resultado co que se chegou ao descanso.
Na segunda parte nada facía pensar nun marcador tan avultado, pero a partir do minuto 70 ao Céltiga caeu o diluvio e en apenas catro minutos encaixou tres goles máis por medio de Samu e Vilas (2), para que o mesmo Vilas pechase a conta co 6-1 definitivo aos 87 minutos.
Consulta a acta do partido Choco-Céltiga.