Partidazo sen premio do Teucro ante o Bidasoa (26-31)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Poucas veces un marcador reflectirá tan inxustamente o sucedido nun partido como nesta ocasión na que o Teucro fixo un sensacional partido, tuteando a un dos grandes da liga Asobal como o Bidasoa ata os últimos minutos, para acabar cunha derrota non por case esperada menos dolorosa, ao materializarse nunha diferenza que non reflicte o que foi o xogo de ambos os conxuntos.
Claro que os grandes equipos o son precisamente por saber xogar partidos como estes. Para gañarlles hai que estar a lume de biqueira durante os 60 minutos. Se non o fas non perdoan. O Teucro plantou cara en todo momento, pero cando a "gasolina" empezou a estar xusta en ataque os irundarras souberon que era a súa oportunidade para marcar diferenzas e fixérono.
Aos azuis sobráronlle minutos, concretamente o últimos dez de partido, neles Bidasoa fixo valer o seu oficio, a súa maior profundidade de banco e o acerto en accións crave do seu porteiro Xoán Ledo, para levar os puntos e deixar ao Teucro con inmellorables sensacións, pero na mesma delicada posición de descenso que vén ocupando. Iso si, o equipo demostrou que non arroxa a toalla e que segue vivo en competición.
O realizado polo Teucro na primeira parte ten moito mérito. Facerlle 15 goles á mellor defensa da liga Asobal non está ao alcance de calquera, pero Fischer (6), Samu Gómez (4) e Cutura (3), superaban con solvencia a impoñente envergadura do 6-0 vasco, fusilando unha e outra vez a un Xoán Ledo que só na recta final conseguiu deter dous lanzamentos consecutivos do lateral arxentino, celebrándoo ao grande, en proba do moito que lle custou collerlle o punto.
Pero é que ademais de facer un gran partido en ataque, o Teucro soubo defender con intensidade, apoiado nun bo Santana, mantendo o tipo nuns 30 minutos iniciais xogados a un ritmo vertixinoso, con ambos os equipos ofrecendo un bonito espectáculo.
Se o Teucro foi o que levou a iniciativa ao comezo, aínda que sempre con mínimas vantaxes, superado o ecuador do período inicial foi o Bidasoa quen tomou o mando, aínda que tampouco lle deu para máis que dominar cunha máxima vantaxe de dous goles, rapidamente respondida polos azuis, que defenderon con moito mérito a última acción ofensiva dos irundarras para irse ao descanso cunha desvantaxe mínima (15-16), que deixaba a resolución pendente para a segunda parte, e a esperanza nas bancadas de que o seu equipo podía dar a badalada.
E o Municipal seguiu soñando durante moitos minutos do segundo tempo. Fischer non paraba de machucar a portería visitante (10 goles no seu haber) e o Teucro resistía ao Bidasoa ao ritmo que marcaba o arxentino, ata que precisamente unha exclusión súa (minuto 40) achandaría o camiño aos visitantes. Con 20-20 no marcador, o Teucro perde dous balóns en ataque que Bidasoa aproveita para marcar a porta baleira (20-22).
A pesar de todo, os azuis non se renderon, pero unha nova exclusión de Bela lastraba o seu rendemento e o conxunto vasco escapábase (23-27), a falta de sete minutos. Foi definitivo, máis cando o que si soubo facer Bidasoa en superioridade non o conseguiu o Teucro, que se estrelou con Xoán Ledo. O meta galego do equipo irundarra, botou o cadeado con catro paradas case consecutivas cando os seus tiñan un home excluído e Bidasoa pechou o partido cunha renda de cinco goles (26-31), esaxerada para o visto na pista.
Consulta a acta e as estatísticas oficiais do partido Teucro-Bidasoa na web da liga Asobal.
Relacionadas:
-
Derrota en Puente Genil para un Teucro que ve cada vez máis preto o descenso (25-21)
Por Redacción |
-
O Teucro xoga media vida en Puente Genil
Por Diego Espiño |
-
"No vamos a rendirnos", avisa o Teucro antes de recibir o Bidasoa
Por Diego Espiño |
-
Cutura, no top-10 histórico de goleadores de Asobal: "Los 1.600 goles significan sobre todo mucho trabajo"
Por Redacción |
-
O Teucro dá a cara pero non consegue evitar a derrota ante o Granollers (24-29)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |