O Teucro, pendente unha vez máis da enfermería ante a visita do Granollers
Por Diego Espiño
Con só un terzo de tempada por diante, a Sociedad Deportiva Teucro non se pode permitir renunciar á posibilidade de puntuar en ningunha xornada, por moi complicado que sexa o rival e importantes os obstáculos en forma de lesión. É o caso do encontro que os azuis disputarán este sábado (18:30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes ante o Granollers, equipo que xoga competición europea e que marcha quinto na Liga Asobal.
"No renunciamos en absoluto, pero tenemos que reencontrar sensaciones y volver a un buen nivel defensivo", asegura Luís Montes querendo esquecer canto antes a dura derrota en León.
Con todo a enfermería volve ser protagonista unha semana máis nos pontevedreses, que convocarán de novo a cinco xogadores que comezaron o curso no filial: Sergio Pérez, Domingo Luís, Samuel Pereiro ademais de Diego Prada e Alberto Garrido.
Isto débese ás lesións de Cangiani, Quintas e Iván Fernández, este último aínda cun par de semanas de convalecencia por diante, e as dúbidas de Gehrhardt, Rial e Moyano. Os dous primeiros non puideron adestrar nos últimos días, mentres que parece máis probable a presenza na pista do lateral arxentino.
O que si se recuperou é Javier Santana, que acompañará na portería a Lloria tras non poder participar ante o Ademar a pesar de viaxar co equipo.
"La derrota en León fue muy dura pero veo al equipo centrado en levantarse" e con "ganas de resarcirse", asegura o adestrador do equipo. Non queda outra porque "estamos a sólo un punto de la salvación y nos tenemos que agarrar a eso", defende.
O Granollers pola súa banda chegará a Pontevedra tras sufrir dúas derrotas consecutivas en liga e vencer entre semana en Europa. Os cataláns terán ademais as baixas de Ian Tarrafeta e Borja Lancina por lesión.
Os colexiados do encontro serán os galegos Andrés Rosendo López e Sergio Rodríguez Estévez.