Giovanni Imparato, do Mace Sport, conquista o Europeo en Grecia
Por Redacción
O xoven taekwondista do Mace Sport de Pontevedra, Giovanni Imparato, conquistou esta semana o Europeo Júnior de clubes, que se celebra na cidade grega de Tesalónica. Nesta ocasión, o deportista logrou subir ao podio coa medalla que lle outorga o título de campión europeo na devandita categoría.
Co triunfo, Imparato logrou a clasificación directa para o Campionato Europeo Júnior de seleccións, polo que a vitoria ten dobre importancia para el.
Na primeira rolda do torneo, Giovanni conseguiu vencer (-51 quilogramos) ao grego Alfred Culi cun 3-0. Posteriormente, foi superior ao chipriota Andronikou Kyruakos nun duelo moi rifado ata o final, que, finalmente terminou en positivo para o deportista do club pontevedrés (9-8). Xa en cuartos de final, enfrontouse ao español Álvaro Vélez, moi inferior a Giovanni, polo que este conseguiu o pase á semifinal cun esmagador 13-6. O italiano Andrea Conti foi o seu seguinte rival e novamente volveu gañar Imparato (3-1).
A final, moi equilibrada durante todo o combate, foi contra o serbio Novak Static, que tamén chegou á última proba cunha lista impecable de resultados. Pero o triunfo foi para Giovanni, que se fixo co ansiado título grazas a un resultado de 10-8, poñendo fin, así, a un campionato perfecto.