O equipo máis en forma da competición, dura proba para a melloría do Arxil
Por Redacción
Antes de gozar do entroido, as afeccionadas e afeccionados ao baloncesto teñen unha cita este sábado (17:00 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva cun Arxil que busca dar continuidade á súa melloría ante o seu público para lograr o que sería o terceiro triunfo como local do curso.
As verdes terán para iso que superar unha esixente proba, xa que visita o CGTD o equipo máis en forma do Grupo 1 da Liga Feminina 2, un Lima Horta Barcelona que chega á cita tras cinco vitorias consecutivas.
O conxunto catalán é sexto cun balance de 11-8, e xógase en Pontevedra boa parte das súas opcións para estar na fase de ascenso que teñen a 2 triunfos de distancia.
Pola súa banda as de Mayte Méndez, con dúas vitorias de renda sobre o descenso, queren consolidar a súa reacción para seguir subindo posicións cara á zona tranquila.
A adestradora pontevedresa contará con todo o plantel á súa disposición fóra da lesionada Cristina Díaz-Pache, que está a encarar a fase final da súa recuperación e que esta semana deixou unha boa noticia ao empezar a exercitarse con balón.