A afección pontevedresa prepara o seu desembarco en Ponferrada

Por Diego Espiño
O bo momento en liga, con dúas vitorias consecutivas que colocaron ao equipo a un só punto do play-off, e sobre todo a gran imaxe dada ante un claro favorito ao primeiro posto como o Fuenlabrada, elevou a moral non só do primeiro persoal do Pontevedra Club de Fútbol, senón da súa afección.
A cifra de asistencia ao Estadio Municipal de Pasarón aumentou notablemente na última xornada, ata os preto de 4.000 espectadores, e aínda que desde a entidade confían en enganchar definitivamente aos seus seguidores no decisivo tramo final do campionato, agora toca pensar nun desprazamento que pode resultar clave.
O Pontevedra visitará o vindeiro domingo 3 de marzo (17:00 horas) á Sociedad Deportiva Ponferradina no Estadio Municipal de El Toralín, unha cita que enfrontará a dous equipos separados por un só punto na táboa (43 os granates e 42 o cadro berciano) e que reforzará notablemente ao vencedor na pelexa pola fase de ascenso.
Ante a importancia dos tres puntos en xogo, a afección pontevedresa pensa xa en desembarcar en Ponferrada, xa sexa en coches particulares ou na viaxe organizada que este luns anunciou o club da Boa Vila.
Este desprazamento impulsado polo Pontevedra terá un custo de 25 euros por persoa (entrada incluída), podendo anotarse durante a semana nas oficinas de Pasarón de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.
Pola súa banda as entradas para o choque foron fixadas pola Ponferradina en 15 euros nos fondos, 20 euros en Preferencia e 25 euros na bancada de Tribuna.
Relacionadas:
-
Ponferradina e Pontevedra mídense nun duelo con aroma a play-off
Por Diego Espiño |
-
En Ponferrada elevan a categoría de 'final' o duelo ante o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Luismi rebaixa a euforia: "Estamos en el camino pero no hemos hecho nada"
Por Diego Espiño |
-
Rivera, tras o espectacular 12-2 do Pontevedra B: "Desde que tengo 10 años no meto 6 goles"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra reforza a súa candidatura ao play-off goleando o líder Fuenlabrada (3-0)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |