O Teucro afúndese ante un Anaitasuna superior en todo (28-32)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
Dura derrota para o Teucro ante o Anaitasuna, club que derrotou por un gol aos de casa o pasado mes de setembro. Os pontevedreses, ademais, chegaron moi condicionados por tres baixas importantes como son as de Quintas, Rial e Cangiani.
A pesar dunha primeira posesión para o Anaitasuna, foi o xogador do Teucro, Sergio Pérez (6 tantos), o encargado de inaugurar o marcador. O primeira liña está a atravesar un momento fantástico e estase convertendo nun fixo no esquema de Luís Montes.
A continuación, e antes de chegar aos 8 minutos de xogo, un rápido intercambio de goles, que soubo aproveitar de mellor forma o cadro navarro, puxo o electrónico de fronte para os mesmos, outorgándolles unha pequena marxe de 3 tantos (4-7). Durante os 5 seguintes, a pesar do gran acerto para portería de Samu Gómez, o lateral mallorquino Pere Vaquer, apoiándose en bos lanzamentos exteriores, lograba facer moito dano aos pontevedreses.
Foi entón, cando o adestrador local solicitou o primeiro tempo morto do partido, co fin de dar osíxeno e achegar tranquilidade aos seus. Con todo, serviu de pouco. Un Teucro sen ideas arriba (proba diso, a escasa participación dos extremos durante os 60 minutos), e moi frouxos abaixo, foi afastándose progresivamente no marcador, chegando ao ecuador de encontro cunha diferenza de 5 tantos e cunha sensación xeral de pesimismo (15-20).
A segunda parte comezou como finalizou a primeira. Intercambio de golpes onde Cutura, unha xornada máis, foi o faro 'azul' e á vez un salvavidas insuficiente para un equipo que quere manterse na máxima categoría española.
Con todo, o xogar en casa sempre axuda e ese plus anímico notouse enormemente durante o segundo tramo do choque. Os galegos puxéronse o coitelo entre os dentes e grazas, tamén, a paradas determinantes de Santana, lograron non encaixar ningún gol en 13 minutos e achegándose no electrónico o suficiente como para dar máis emoción ao duelo (21-25).
Finalmente quedou en nada. Imposible remontada onde os dous puntos acabounos levando o equipo visitante (28-32).
Tras o duro correctivo, agora tócalles centrarse nas tres próximas xornadas. Estas supoñerán un gran reto, xa que se enfrontarán a algúns dos equipos máis difíciles da categoría. En principio, o vindeiro sábado viaxarán a León e mediranse a un dos grandes clásicos nacionais: o Ademar.
TEUCRO (28): Lloria; Poveda (1), Carlos Gehrhardt, Fischer (6), Isma Bela, Luis Mosquera, Sergio Pérez (6) (sete inicial), Moyano, Santana (1), Samu Gómez (2), Davor Cutura (11), Piovarczk, Diego Prada e Samu Pereiro (1).
ANAITASUNA (32): Patrick Nicolai; Borja Méndez (3), Xabier Etxeberría (2), Mladen Krsmancic (4), Carlos Chocarro (6), Ánder Ugarte (5), Pere Vaquer (6) (sete inicial), Salazar, Gastón (3), Antonio Bazán, Meoki (2), Ceretta, Miguel Goñi, Mikel García e Raúl Nantes (1).
Resultado (cada 5 minutos): 3-3, 6-8, 8-11, 10-15, 12-18, 15-20 (descanso), 17-23, 19-24, 21-24, 23-27, 25-29 e 28-32 (final).
Árbitros: Luis Ignacio Colmenero Guillén e Víctor Rollán Martín, que excluiron a Poveda, Bela e Gehrhardt, por parte do Teucro, e a Bazán (2), Aguirrezabalaga, Vaquer e Krsmancic, pola dos navarros.
Incidencias: Partido correspondente á décima novena xornada de liga Asobal, disputado no Municipal de Pontevedra ante preto de 1.500 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro dá a cara pero non consegue evitar a derrota ante o Granollers (24-29)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
Promoción teucrista para os encontros consecutivos ante Granollers e Bidasoa
Por Redacción |
-
Derrota por 'incomparecencia' en León dun indolente Teucro (44-23)
Por Diego Espiño |
-
Difícil saída a León para un Teucro en cadro polas lesións
Por Diego Espiño |
-
Ao Teucro fállanlle as forzas no tramo final e cae en Logroño (31-27)
Por Redacción |
-
Lloria obra a milagre e certifica un triunfo máis que merecido do Teucro ante o Guadalajara (30-29)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |