O colectivo Acción Granate preséntase o sábado en sociedade
Por Redacción
"Busca da pluralidade e democratización da xestión da entidade, así como da transparencia executiva e informativa" ou "contribuír a desenvolver unha estrutura sostible" son algúns dos obxectivos que o colectivo Acción Granate apunta na súa páxina web.
A plataforma, que aglutina socios, accionistas e aboados do Pontevedra Club de Fútbol presentarase en sociedade o próximo sábado día 8 coa colocación dun posto na Praza da Peregrina de 10:00 a 14:00 horas, onde explicarán con máis detalle a todos os que se acheguen os obxectivos cos que nace o colectivo e cal é a súa folla de ruta para intentar logralos.
Acción Granate defínese a si mesmo como "un grupo que pide un cambio, que quere recuperar a dignidade, os valores, o orgullo por un escudo e unha cor".
Na Praza da Peregrina, segundo apunta o comunicado que se fixo chegar aos medios de comunicación, todos os que o desexen poderán adherirse ao colectivo.