A Escola Naval repite como sede dun Campionato Galego de Waterpolo
Por Redacción
O Campionato Galego Xuvenil de Waterpolo disputarase o sábado 23 de febreiro na Escola Naval Militar de Marín, grazas á colaboración da entidade que por cuarto ano consecutivo pon a disposición a súa piscina de 33 metros.
Será unha xornada intensiva de deporte nas instalacións do centro militar, xa que a actividade dará comezo ás 10:00 horas e prolongarase ata aproximadamente as 20:30 horas.
Os catro equipos participantes (RCN Vigo, CW Pontevedra, CN Coruña e CW Santiago) xogarán todos contra todos, xa que a normativa da FEGAN establece que se xogue en formato liga, con tres partidos por equipo. O equipo máis regular será o que leve o dobre premio deste campionato: o título de campión galego xuvenil e a clasificación para o Campionato de España Xuvenil de 2ª categoría.
Trátase do único campionato galego onde se decide a clasificación para o nacional, xa que nas outras categorías decídese na liga galega.
A competición está organizada polo Club Waterpolo Pontevedra coa colaboración da Federación Galega de Waterpolo.