Fernando Echávarri despídese da alta competición arroupado polo Comité Olímpico Español
Por Redacción
A sede do Comité Olímpico Español (COE) foi o escenario elixido por Fernando Echávarri para anunciar que deixa a alta competición, renunciando a buscar a clasificación dos que serían os seus cuartos Xogos Olímpicos, os de Tokyo 2020.
O regatista pontevedrés, campión olímpico en Pequín 2008 na clase Tornado de vela, competiu nos últimos anos na clase Nacra 17 xunto á canaria Tara Pacheco.
Con ela chegou a proclamarse subcampión mundial en 2017 e europeo o pasado verán, situándose en situación de pelexar polo billete para Tokyo. Con todo a súa ausencia na Copa do Mundo de Miami en datas recentes, na que Pacheco competiu con nova parella, Florian Trittel, deixaba entrever o paso que este xoves confirmou oficialmente.
"De Pontevedra a la excelencia", sinalou o presidente do COE, Alejandro Blanco, referíndose á súa exitosa traxectoria profesional e cualificándoo como "un valor muy fuerte de la historia del deporte español".
Ademais do ouro na clase Tornado, que conseguiu formando equipo con Antón Paz, Fernando Echávarri foi olímpico en Atenas 2004 e en Río 2016, onde quedou a un só paso de entrar na Medal Race.
Na súa carreira deportiva figuran tamén participacións na Volta ao Mundo a Vela (Volvo Ocean Race) e recoñecementos como a Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo outorgada polo Consello Superior de Deportes.
Relacionadas:
-
Prata para o pontevedrés Fernando Echávarri no Europeo da clase Nacra 17 de vela
Por Redacción |
-
Adrián Sieiro, Sergio Vallejo, Gómez Noya, Echávarri ou Támara Echegoyen, bolseiros do Plan ADO para 2018
Por Diego Espiño |
-
Prata mundial para Fernando Echávarri e Tara Pacheco na clase Nacra 17 de vela
Por Redacción |