Retos ambiciosos do Froiz no inicio da súa 31 tempada no pelotón
Por Diego Espiño
Con ambición. Así inicia a que será a 31ª tempada do Grupo Deportivo Supermercados Froiz no pelotón ciclista nacional.
O conxunto alimenticio protagoniza estes días a súa tradicional concentración previa ao comezo da competición, e na que por primeira vez xúntanse todos os seus corredores, incluídas as súas nove incorporacións.
O obxectivo do Froiz para a campaña que está a piques de comezar é manterse no alto do ranking nacional elite e sub-23 e pelexar por unha Copa de España que se lle resiste. Para iso un nome propio sobresae entre as fichaxes, o de Jesús Arozamena, líder teórico do equipo nesta competición, ademais do de Óscar Linares.
Arozamena e os outros dous homes fortes do Froiz para a Copa de España estarán presentes esta mesma fin de semana, o 16 e 17 de febreiro, no Memorial Manuel Sanroma que se disputa en Almagro, Cidade Real, no que será un test de nivel antes do arranque da Copa co Circuíto do Guadiana en Don Benito, Badaxoz, o día 24 do mesmo mes.
O Hotel Rural Campaniola serve un ano máis de escenario para a concentración do equipo ciclista pontevedrés, que programou para este mércores e o xoves sesións de adestramento polas estradas da comarca. A primeira delas centrouse na zona do Salnés, con dúas horas de ruta, mentres que este xoves levará a cabo unha xornada máis esixente con 150 quilómetros de percorrido e preto de 3.000 metros de desnivel positivo.
O persoal do Grupo Deportivo Supermercados Froiz 2019 compóñena os elite Jesús Arozamena, Óscar Linares, Iván Martínez, Martín Lestido, Diego Noriega e Víctor Romero e os sub-23 Aarón Mariño, Aitor Bugarín, Abel Franco, Alejandro Iglesias, Marcos Navarrete, José Carlos Amil, Diego González, Guillermo García Janeiro, Jesús Rodríguez, Roi Domínguez, Jorge Suárez, Adrián Barros e Jake Wright, ademais do paralímico José Enrique Porto.
JAVIER MÍNGUEZ, PADRIÑO NA PRESENTACIÓN DO EQUIPO
A concentración do Froiz finalizará coa presentación oficial do equipo ciclista prevista para o vindeiro venres 15 de febreiro na Deputación de Pontevedra, ás 12:30 horas, nun acto que terá como padriño ao ex-seleccionador nacional absoluto, Javier Mínguez.
Relacionadas:
-
O Trofeo Guerrita, segundo asalto para o Froiz na Copa de España
Por Redacción |
-
Confianza no Froiz ante a inminente estrea da Copa de España
Por Redacción |
-
Estudos biomecánicos como preludio á tempada do Froiz
Por Redacción |
-
O Froiz presenta a súa nova arma para unha tempada na que aspira a todo
Por Redacción |
-
Evaristo Portela e Nieves Gamallo reciben a distinción da Xunta ao mérito deportivo
Por Redacción |