Non pode o Marcón contra un Barbadás que pelexa polo máis alto da táboa (3-1)
Por Redacción
O UD Barbadás, un dos pesos pesados de Preferente, derrotou este domingo ao Marcón Atlético nos Carrís. Así, os de Borja Burgos descenden á décima cuarta posición e empatan a puntos co SD Bande e o SD Amanecer, ao que os pontevedreses gañaron a pasada xornada no Carrasco.
A pesar da vitoria local, a primeira metade do choque caracterizouse polo equilibrio entre os dous equipos. Esta finalizou cun empate a uns no marcador despois de dous penaltis. O primeiro beneficiou aos do Marcón, que se puxeron por diante co gol de Ivo (28'). Un pouco despois (36'), Dani González foi o encargado de igualar o envite.
Despois do descanso, os anfitrións dominaron no seu terreo. Roberto Martínez, aos 15 de iniciar a segunda metade, deu un gol de vantaxe ao Barbadás, algo que aproveitou para, xusto antes da conclusión, marcar o definitivo 3-1 por medio de Ígor Sousa.
Consulta a acta do UD Barbadás-Marcón Atlético.
O SD Amanecer venceu, esta fin de semana e contra todo prognóstico, ao CD Beluso, que, a pesar da derrota en Lampáns, continúa na parte alta da clasificación (quinto con 46 puntos). Pola súa banda, os anfitrións conseguiron coller algo máis de distancia coa zona de perigo.
Despois dunha primeira parte sen goles tremendamente igualada, no 73' de partido, Javichu inaugurou o marcador co 1-0. Ante a vantaxe local, os de Rial aumentaron a intensidade do seu xogo ofensivo e, dez minutos despois, lograron o empate grazas a Nacho. Con todo, o feito de xogar en casa fixo que o Amencer tirase de orgullo e, xusto antes de finalizar o envite, conseguiu, por medio de Augusto, o gol da vitoria (2-1).
Consulta a acta do SD Amanecer-CD Beluso.
O Juventud Cambados non puido, esta fin de semana, co Mondariz CF en Burgáns. Así, os de Edu Charlín, que se mantiveron líderes durante boa parte da primeira volta, agora baixan á cuarta posición. Pola súa banda, o cadro visitante conseguiu ascender unha praza e empatar a puntos cos seus rivais cambadeses.
A pesar do resultado (2-3), que, a priori, manifesta un partido bastante igualado, a primeira metade estivo totalmente dominada polos de Adrián Rubio. Antes do descanso, o marcador xa mostraba os tres goles visitantes. O primeiro deles chegou aos cinco minutos do comezo de man de Diego Couso, que tamén anotou o 0-2 no 14'. A un minuto do termo do período, Dani Cabezas acertou na portería de Adrián, o que fixo que se marchasen aos vestiarios cunha vantaxe de tres goles, algo difícil de remontar.
Con todo, estiveron preto do empate os anfitrións, que, grazas a Ramón (61') e Ardanar (76'), lideraron a segunda parte, pero sen chegar a igualar o electrónico.
Consulta a acta do Juventud Cambados-Mondariz CF.
Así mesmo, o Villalonga CF, que continúa nos últimos catro postos da clasificación pero gañando, aos poucos, distancia cos mesmos, derrotou esta fin de semana ao UD Atios, que, pese ao último resultado, mantense na oitava praza (38 puntos).
Os visitantes dominaron a primeira parte no Carballo. Aínda que lles custou anotar o primeiro gol, que non chegou ata pasada media hora por medio de Dani Domínguez, chegaron ao descanso cunha vantaxe de dúas tantos. O segundo foi resultado dunha boa acción de Javi Vila (39').
Con todo, tras o paso polos vestiarios, poida que pola comodidade da superioridade no marcador, os anfitrións conseguiron o 1-2 grazas a Kiko (60'), pero non o necesario para gañar o choque ou, polo menos, a repartición de puntos.
Consulta a acta do UD Atios-Villalonga CF.
O Xuventú Sanxenxo, que continúa situado na parte media da táboa, empatou esta fin de semana contra o CP Alertanavia en Vigo. Os locais, pola súa banda, lograron sumar un punto moi importante para eles, xa que necesitan abandonar a mala serie na que se atopan para deixar atrás a zona de perigo.
A pesar de que a primeira metade finalizou coa vantaxe dos anfitrións (1-0) despois dun tanto de Marcos Xusto no 26', a igualdade reinou durante a segunda. Dieguito empatou o envite no 68', algo que motivou aos do Salnés para poñerse por diante no marcador cun tanto de Corrales tan só tres minutos despois. Con todo, os locais, ante a súa necesidade por puntuar, asinaron as táboas no 75' por medio do gol definitivo de Capelo.
Consulta a acta do Alertanavia-Xuventú Sanxenxo.
O USD do Grove conseguiu, este domingo, vencer ao pechacancelas de Preferente, o Antela CF, que, con esta, suma xa tres derrotas consecutivas (sumou só un punto no últimas nove xornadas). Pola súa banda, os de Santiago Mariño van, aos poucos, gañando algo de forza para abandonar, dunha vez por todas, os postos de descenso.
A pesar de que a primeira parte estivo moi igualada, xa que ningún dos dous equipos arriscou ante a portería rival, xusto antes do descanso Santi Castillo puxo aos seus por diante no marcador.
Tras o paso polos vestiarios, o cadro visitante mantivo a súa superioridade e, por medio de Jacobo Domínguez (57') e, de novo, Castillo (64'), sentenciou ao Antela a outra xornada sen puntuar.
Relacionadas:
-
Derrota do Marcón ante o líder, o Pontellas, por un gol en propia de Antonio Suárez (1-0)
Por Redacción |
-
Un intenso e inesperado final de partido da a vitoria ao Marcón sobre o Mondariz (2-1)
Por Redacción |
-
O Marcón faise co derbi ao derrotar ao Beluso nas Laxes (0-1)
Por Redacción |
-
O Marcón 'cambia o chip' e vence ao Amanecer no Carrasco (2-0)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Marcón arranca un empate (2-2) no complicado campo do Juventud Cambados
Por Redacción |
-
Nova derrota do Marcón no Carrasco ante o SD Bande (0-3)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |