O Arosa viaxa a Cangas e volve coas mans valeiras tras ser derrotado polo Alondras (1-0)
Por Redacción
O Arosa SC viaxou esta fin de semana a Cangas en busca de tres puntos importantes para continuar pelexando pola parte alta da táboa de Terceira División. Con todo, a vantaxe do Alondras CF ao xogar no seu terreo, o campo Morrazo, e ante a súa afección, fixo que a vitoria quedase na casa. Desta forma, os de Rafa Sáez suman tres derrotas consecutivas nas últimas xornadas, a súa peor serie desde o comezo da tempada.
A primeira metade caracterizouse pola igualdade no campo. Ningún dos dous cadros atreveuse a arriscar ante a portería rival, o que supuxo unha período inicial sen goles.
Tras o descanso, a dinámica non foi moi diferente. Tanto, que non foi ata o ecuador do segundo tempo que a balanza comezaría a inclinarse cara ao bando anfitrión. Aproveitándose da situación, Yhavé conseguiu superar a Manu Táboas e anotar, así, o gol da vitoria (1-0).
Consulta a acta do Alondras CF-Arosa SC.
Pola súa banda, o Céltiga CF, que continúa penúltimo na clasificación, non foi quen de derrotar ao líder de Terceira, o Racing Club Ferrol no Salvador Otero. Os locais pelexaron por puntuar e afastarse, así, dos postos de descenso, pero ante o resultado negativo, os de Manolo Núñez terán que centrarse nas próximas xornadas para asegurarse a permanencia na categoría.
Aínda dominando os visitantes practicamente todo o envite, os arousáns comezaron superando aos visitantes no marcador cun tanto de Sebas (21'). Algo ao que os de Emilio Larraz non tardaron en dar remedio. Escasos dez minutos despois, Pablo Rey igualaba o choque co 1-1, resultado co que marcharían ao descanso.
Á volta, xa non tivo nada que facer o equipo anfitrión. Dous goles de Joselu, no 68' e no 88', sentenciaban ao Céltiga, que tivo que encaixar a derrota tras vencer, a pasada xornada, ao Arousa na súa casa.
Consulta a acta do Céltiga CF-Racing Club Ferrol.
Choque directo que finalizou en empate o que se disputou este domingo na Senra entre o CD Ribadumia e o CD Boiro. Ambos os equipos pelexaron pola vitoria para sumar tres necesarios puntos para deixar atrás os postos de perigo, dos que se atopan os dous moi preto. Con todo, tiveron que conformarse coa repartición de puntos tras un choque moi equilibrado.
Antes do descanso xa se coñecía o resultado do partido. Comezou por diante o cadro visitante grazas a un gol de Changui aos 10 minutos do inicio. Con todo, ante a posible vitoria coruñesa, os de Luís Carro reaccionaron e igualaron o marcador cun tanto de Diego Abal xusto antes da chegada do descanso.
A dinámica mantívose durante a segunda parte, o que fixo que ningún dos dous conxuntos gañase vantaxe, finalizando en táboas.
Relacionadas:
-
O Arosa pode levarse o partido ante o Paiosaco pero confórmase co reparto de puntos (0-0)
Por Redacción |
-
Contundente vitoria do Arosa sobre o Silva na Lomba (3-1)
Por Redacción |
-
Unha derrota dobremente dura para o Arosa ante o Céltiga (1-2)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Arosa renuncia ao empate no último minuto ante o Polvorín (3-2)
Por Redacción |
-
De novo, o Arosa suma un punto tras empatar sen goles ante o Ourense CF
Por Sofía Lorenzo |