O Cisne sae do bache pola porta grande ao derrotar ao Novás (30-29)
Por Sofía Lorenzo
Partidazo entre o Cisne e o Novás. Os de Jabato conseguiron dous puntos importantisimos (e o desquite) ante o recentemente ascendido, que non atravesa o seu mellor momento da tempada. Este chegou ao Municipal de Pontevedra con dúas baixas transcendentais, como son a de Iago Muiña e Miguel Trigo, pero co obxectivo de alcanzar a súa primeira vitoria fóra da casa. Este triunfo ten dobre valor, xa que, ademais de gañar o derbi ante a súa afección, lograron darse o empuxón necesario para volver pelexar polos postos altos da táboa.
O primeiro tempo estivo moi igualado. Unha exclusión de Carlos Rodríguez (defensor central rosaleiro), a tan só 2 minutos do comezo, indicaría a alta intensidade que ía existir durante todo o encontro (algo propio dun derbi coma este). A pesar de empezar por detrás no marcador, unha nova exclusión a José Leiras foi aproveitada á perfección polo Novás, logrando igualar o choque no 10’ (5-5).
No que a esquema refírese, a defensa do bloque visitante foi moito máis plana. O Cisne case sempre prefire sacar partido a penetracións sucesivas, baseándose en continuas procuras de superioridades, e este tipo de formulacións atrás (tan próximos á liña de 6 metros) adoitan buscar a asfixia deste estilo de xogo. Con todo, Andrés Sánchez (6 goles), é un xogador moi difícil de parar. O lateral pontevedrés soubo soster e manter ao seu equipo por diante, asinando un primeiro tempo espectacular, asistindo en numerosas ocasións a Ramos e marcando en momentos decisivos. Grazas a iso, os de Jabato lograron distanciarse lixeiramente no electrónico e irse ao descanso cunha vantaxe de dous tantos (16-14).
A segunda parte comezou con grandes paradas de Juan Novás, feito que lles permitiu distanciarse, aos poucos, e alcanzar unha máxima diferenza (4 goles) no ecuador da mesma (22-18). Para tentar frear isto, Isma Martínez ordenou unha defensa mixta executada por Pedro Aymerich (máximo anotador do duelo) sobre Andrés. Pouco lle serviu aos seus, o que fixo que regresasen ao seu formato inicial pouco despois.
O encontro converteuse nun tira e afrouxa onde, cando parecía que o cadro visitante podía aproximarse, fallaba no máis fácil. Con todo, o Cisne foi incapaz de romper o partido e isto acaboulles pasando factura. A falta de 2 minutos para o final, tan só un gol separáballes no electrónico. O ex-teucrista David Pichel (5) botouse o equipo ás costas e puxo aínda máis emoción ao choque. Finalmente, un último tanto por parte do capitán cisneísta Pablo Picallo, sentenciou o derbi, facendo que quedasen na casa os dous puntos, condenando ao rival para seguir en zona de descenso e, o máis importante, a saír pola porta grande do bache no que se atopaban.
Agora tócalles aos pontevedreses centrarse no reto da próxima semana no Pavillón Vicente Trueba ante o Torrelavega, equipo que se sitúa nos postos altos da táboa e contra o que empataron o pasado mes de outubro no CGTD.
CISNE (30): Juan Novás; Andrés Sánchez (6), Miguel Simón (2), Javi Vázquez (1), José Leiras, Álvaro Preciado (4), Alejandro Conde (1) (sete inicial), Alberto Casares, Álex Chan (3), Pablo Picallo (5), Bruno Vázquez (1), Marko Antelj, Pablo Gayoso (3), Guilherme Linhares, Dani Fernández e Dani Ramos (4).
NOVÁS (29): Roberto Rodríguez (1), Pichel (5), Paulo Dacosta (4), Germán Hermida (4), Pedro Iglesias (10), Kevin García, Carles Asensio (3) (sete inicial), Iago Flores, Andrés Vila (1), Roberto Calvo, Adrián Boullosa, Carlos Rodríguez, Óscar Silva, Manuel Martínez (1) e Yago Alonso.
Resultado (cada 5 minutos): 2-1, 4-4, 7-8, 9-11, 12-11, 16-14 (descanso), 18-16, 21-18, 23-21, 26-24, 27-26 e 30-29 (final).
Árbitros: Fernanda Espino e Víctor Navarro, que excluíron dous minutos a Andrés Sánchez, Miguel Simón e José Leiras, por parte do cadro cisneísta, e a Roberto Rodríguez, Iago Flores, Germán Hermida e Carlos Rodríguez, pola do Novás.
Incidencias: Partido correspondente á décima oitava xornada de liga en Honra Prata, disputado no Municipal de Pontevedra ante ao redor de 500 espectadores.
Relacionadas:
-
Derrota do Cisne ante o Alarcos, peso pesado de Honra Prata (31-25)
Por Sofía Lorenzo |
-
Pobre empate do Cisne ante Agustinos (23-23) nun partido con dúas caras e un final de erros
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne tira de épica e logra un punto importantísimo ante o Torrelavega (26-26)
Por Sofía Lorenzo |
-
O mal momento do Cisne alóngase tras unha dura derrota ante o Barça B (36-29)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Cisne tira o partido ante o Amenábar nos últimos dez minutos (26-26)
Por Redacción |