Presentada a Copa Deputación 2019 de fútbol
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres unha nova edición da Copa Deputación de fútbol, cuxo prazo de inscrición abrirá o vindeiro luns 11 de febreiro para os equipos masculinos e a primeira semana de marzo no caso dos equipos femininos.
O sorteo da competición masculina está previsto que se realice en Vigo e Pontevedra os días 21 e 22 de febreiro, polo que a primeira eliminatoria poderá disputarse antes de final de mes.
O formato de competición mantense con respecto a pasadas edicións, con eliminatorias a partido único no campo de equipo de menor categoría e con quenda de penaltis no caso de finalizar o partido con empate.
Carmela Silva confirmou ademais que "a final feminina xogarase en Vigo, no campo do Vao, e a masculina na Lomba, en Vilagarcía de Arousa, ambas a finais de maio".
Na edición de 2018 participaron un total de 128 equipos, 15 en categoría feminina e 113 equipos de Terceira División, Preferente, Primeira, Segunda e Terceira Autonómica en categoría masculina.
O orzamento total da Copa Deputación 2019 é de 120.000 euros, incluíndo as categorías de base nas que participarán ao redor de 1.000 nenos e nenas da provincia.