Rafael Louzán asume a presidencia da Unión de Federacións Deportivas Galegas
Por Redacción
Renovación na Xunta Directiva da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA).
Unha vez finalizado o proceso electoral, Rafael Louzán pasará a ser o novo presidente da federación. O mandatario da Real Federación Galega de Fútbol, substitúe no cargo a Isidoro Hornillos, o seu homólogo na Federación Galega de Atletismo.
Hornillos seguirá formando parte da xunta directiva xunto aos representantes das federacións de balonmán (vicepresidente), baloncesto (secretario), caza (tesoureiro), atletismo, kárate, ciclismo, judo, piragüismo, voleibol e taekwondo (vogais).
Louzán, que xestionaba unha candidatura de consenso, estivo integrado na UFEDEGA desde que alcanzou a presidencia da federación de fútbol. De feito era ata agora o seu vicepresidente.
Entre outros obxectivos próximos, a Unión de Federacións Deportivas Galegas avanza que está a preparar un conxunto de propostas, xunto co resto de asociacións de federacións autonómicas de España, en relación ao anteproxecto da lei do Deporte aprobado recentemente por parte do Consello de Ministros.