O Waterpolo Galaico pecha unha tempada histórica proclamándose campións da Copa Galega
Por Redacción
O Club Waterpolo Galaico Pontevedra logrou un novo éxito este sábado 1 de xuño na piscina do INEF de Coruña ao alzarse cos dous trofeos de Copa Galega de Waterpolo: masculina e feminina. O club pontevedrés repite así a fazaña lograda en 2011, cando gañou por primeira vez o título de Copa Galega Absoluta en ambas categorías. Foi entón na piscina de Rías do Sur.
A Copa Galega Masculina xogárona seis equipos galegos, cunha rolda de cuartos de final na que CN Coruña e C Mariña Ferrol eliminaron a CN Padrón e CW Pabellón Ourense respectivamente. En semifinais entraron directamente o CW Santiago e o CW Galaico Pontevedra como cabezas de serie.
O CW Galaico Pontevedra mediuse ao C Mariña Ferrol en semifinais, nun partido máis fácil do esperado. Os pontevedreses, dando moito descanso aos máis habituais, chegaban ao último cuarto cun 10-0 no marcador. Só no último periodo o CW Galaico Pontevedra relaxouse cun parcial de 1-4, acabando o partido cun 11-4 que metía ao equipo do Lérez na súa terceira final de Copa consecutiva.
Pola tarde celebrouse a final de Copa Galega Absoluta masculina, o noveno partido da tempada entre o CW Galaico Pontevedra e o CW Santiago, que derrotaba ao CN Coruña en semifinais. Nesta ocasión, o partido comezou con máis goles do habitual, cun primeiro cuarto que finalizaba cun 4-4 no marcador.
Os rapaces do Waterpolo Galaico gañaron a copa tras remontar catro goles nos últimos catro minutos
No segundo parcial, o CW Galaico Pontevedra fixo un xogo malísimo, con numerosos erros tanto en ataque como en defensa, encaixando un 4-0 que poñía a final en bandexa aos compostelanos. No seguinte cuarto os do Lérez trataron de mellorar e volver facer o seu xogo para meterse no partido, pero recortando tan só un gol e chegando ao último cuarto cun complicado 10-7 en contra.
A capacidade de sufrir e de entrega que o equipo pontevedrés foi adquirindo durante estes anos quedou patente neste último cuarto. O CW Galaico Pontevedra non se rendeu en ningún momento e sempre convencido de que a remontada era posible, aínda perdendo 11-8 a falta de 3:40. Nese tempo os pontevedreses foron capaces de facer un parcial de 0-4 que daba o título de Copa Galega, logrando o último gol a falta de 6 segundos tras un penalti provocado por Luís e marcado por Andrés, os dous máis novos do equipo.
Con este novo título, segunda Copa Galega para as vitrinas do Galaico, o club segue facendo historia, logrando o triplete en categoría absoluta masculina: Supercopa, Liga e Copa.
CAMPIÿNS EN CATEGORIA FEMININA
Pola súa banda, a Copa Galega Feminina disputouse a partido único, final entre CN Coruña e CW Galaico Pontevedra, os dous equipos participantes. O equipo feminino do CW Galaico Pontevedra acudía esta vez á Copa Galega sen presión e con intención de gozar do partido. Tralos dous encontros da Liga Galega entre as pontevedresas e coruñesas, as do norte venceron con facilidade debido á súa maior experiencia no waterpolo.
O equipo feminino logrou a súa terceira copa tras derrotar ao CN Coruña por 9-8 na prórroga
O partido comezou con moita igualdade, abrindo Maribel o marcador, e finalizando o primeiro cuarto con empate a 1. No segundo parcial as pontevedresas adiantáronse cun parcial de 1-3, con goles de Maribel, Yara e Patri. No seguinte cuarto mantívose a vantaxe pontevedresa, chegando ao último periodo cun marcador de 3-5.
Aquí, a falta de adestramento e experiencia das pontevedresas fixo que a vantaxe se fose esvaecendo. As locais foron recortando diferenzas pasando do 3-6 a un 7-6 que daba a volta ao partido. Pero un gol, outra vez de Maribel, a falta de 2 minutos forzaba a prórroga (2 partes de 3 minutos), posto que ningún dos equipos foi capaz de volver marcar nese tempo.
Na primeira parte da prórroga o CW Galaico Pontevedra marcou dous goles no primeiro minuto que lle deron osíxeno, recortando distancias o CN Coruña a falta de 7 segundos para a segunda parte. Na última parte notouse a falta de partidos de ambos equipos, predominando os nervios e impedindo que ningún equipo lograse marcar, finalizando así o partido con vitoria do CW Galaico Pontevedra que se facía co seu terceiro título de Copa Galega Feminina.
Foi, en resumo, un sábado redondo para o CW Galaico Pontevedra, que ve como o traballo destes últimos anos desde a base está dando os seus froitos, conseguindo títulos en categoría absoluta tanto masculina como feminina. Un premio máis que merecido sobre todo para xogadores e xogadoras que levan no equipo desde a súa creación no 98.