O automobilismo galego entregou os seus premios anuais en Cuntis
Por Redacción
O Hotel Balneario de Cuntis foi escenario o pasado día 2 de febreiro da Gala de Campións da Federación Galega de Automobilismo, durante a cal se entregaron os trofeos correspondentes aos campionatos e copas das diversas modalidades que se disputaron ao longo do ano 2018.
Víctor Senra e David Vázquez eran os primeiros en subir ao escenario para recoller os seus respectivos galardóns como campións de Galicia de Rallyes por segundo ano consecutivo. Ademais, o equipo formado por Perfecto Calviño e Rubén Santás facía o mesmo ao conseguir o título da Clase B de Rallymix, que engloba aos Turismos.
Pola súa banda a escuadra local, Cuntis Vila Termal, tivo tamén protagonismo ao recoller os galardóns conseguidos na Copa Pirelli, ademais de mencións como a do veterano piloto José Manuel Bamarti, que este ano correrá o RallyMix de Cuntis.
Ao acto acudiron preto de 400 persoas, entre os que se atopaban o presidente da Federación Galega, Iván Corral, o alcalde Manuel Campos e o deputado provincial Santos Héctor.