O CW Pontevedra busca o "triplete" cos equipos femininos
Por Almu Dapena
O waterpolo galego ten unha cita o sábado 12 na piscina do CGTD de Pontevedra para disputar o Campionato Cadete Feminino de inverno onde competirán por primeira vez tres equipos: o CN Coruña, RCN Vigo e o CW Pontevedra.
A xornada, con formato liguiña, comezará ás 15:30 horas co partido que enfrontará ás de Coruña contra as viguesas. A quenda das locais chega ás 16:45 horas onde xogan contra Vigo, e ás 18:00 horas contra Coruña. O evento finalizará cunha entrega de medallas ás 18:45 horas.
Chelo Besada, deputada de Deportes, destacou na presentación do evento que "Pontevedra é un referente do deporte" e "chamamos á veciñanza de Pontevedra a que acuda ao campionato".
Ao tratarse dun campionato de promoción, poderá participar unha xuvenil por cada equipo buscando así o crecemento do waterpolo feminino desde as categorías inferiores. O CW Pontevedra conta, ademais, con 6 xogadoras que a semana pasada gañaron a liga do Campionato Absoluto polo que se espera un bo resultado neste torneo e así lograr o "triplete" en categorías femininas.