O Marcón 'cambia o chip' e vence ao Amanecer no Carrasco (2-0)
Por Redacción & Diego Torrado
O Marcón Atlético, despois dunha mala serie que durou varias xornadas, gañou no Carrasco ao Amanecer. Foi un choque directo ao que ambos os equipos chegaron co obxectivo de continuar ascendendo posicións na clasificación, algo que, aos poucos, van conseguindo os locais.
O cadro de Borja Burgos dominou practicamente todo o partido, aínda que comezou bastante igualado. O primeiro gol non chegaría ata o final da primeira metade, cando Román Zabaleta deu vantaxe aos pontevedreses antes do descanso (40').
Durante a segunda parte, a pesar dun aumento da intensidade no xogo ofensivo do Amanecer, os locais foron quen de manter a superioridade e, ademais, marcar o 2-0 cun penalti de Del Castillo.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Amanecer.
Outro choque directo, o que se disputou entre o Beluso e o Juventud Cambados nas Laxes. Coa vitoria local, estes colócanse a un só punto dos do Salnés na clasificación, en busca, semana tras semana, dos postos máis altos da táboa.
Comezou dominando o encontro o Cambados grazas a un gol aos tres minutos do inicio de Ramón. Unha vantaxe que manterían ata a segunda parte do partido. Con todo, despois do paso polos vestiarios un desafortunado gol en propia porta de Alexi igualaba o marcador (58'). O empate deu aos locais a confianza necesaria para, 10 minutos antes do final, poñerse por diante cunha acción de Richi (2-1), e levar, así, os tres puntos.
Consulta a acta do Beluso-Juventud Cambados.
Pola súa banda, o Villalonga gañou comodamente este domingo ao Alertanavia noutro enfrontamento directo, que lle dá aos locais un pequeno empuxón para que continúe collendo distancia coa zona de descenso. Así, este suma catro xornadas consecutivas puntuando (10 puntos de 12 posibles), a mellor serie que atravesou esta tempada.
O partido foi dominado polos do Salnés desde o comezo. Javi Vila anotou o primeiro dos catro goles no 19'. Co 1-0 iríanse ao descanso, tras o cal, os de Ricardo Fernández aumentaron a intensidade de xogo. Desta forma, tres tantos máis deron o triunfo aos de casa: o primeiro de Gabriel (60'), o segundo de Nico Fraga (78') e, finalmente, no último minuto, o 4-0 de Jorge Lima.
Consulta a acta do Villalonga-Alertanavia.
Despois da vitoria do Unión O Grove ante o Moaña da pasada semana, os pontevedreses volveron encaixar unha derrota este domingo en Monte da Vila contra o Barbadás. Así, os de casa continúan nunha posición perigosa (penúltimos), mentres que os visitantes mantéñense entre os cinco primeiros.
Os do Barbadás lideraron o encontro desde o asubío inicial. Non lles custou, aos 11 minutos do comezo, anotar o primeiro gol por medio de Martín Fernández. Co 0-1 iríanse ao descanso e durante a segunda parte os de casa non conseguiron poñerlle remedio á vantaxe dos de Vilacha. Pola contra, estes aínda marcarían dúas tantos máis: o primeiro de David Soares (71') e, finalmente, o definitivo, 8 minutos despois, por medio de Edu Guerra.
Consulta a acta do Unión O Grove-Barbadás.
Grazas a dous goles de Firi, o Xuventú Sanxenxo logrou gañar, esta fin de semana, ao Velle en Baltar de Arriba. Así, os de casa continúan facendo todo o posible por ascender, aos poucos, postos na clasificación.
Despois dunha primeira parte que finalizou a ceros, o primeiro dos dous tantos locais chegaría na metade do segundo período (63') e, finalmente, o 2-0 definitivo no último minuto de xogo.
Relacionadas:
-
O Marcón faise co derbi ao derrotar ao Beluso nas Laxes (0-1)
Por Redacción |
-
Non pode o Marcón contra un Barbadás que pelexa polo máis alto da táboa (3-1)
Por Redacción |
-
O Marcón arranca un empate (2-2) no complicado campo do Juventud Cambados
Por Redacción |
-
Nova derrota do Marcón no Carrasco ante o SD Bande (0-3)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |