Non pode o Teucro coa seguridade do Sinfín na súa pista (32-27)
Por Redacción
Tampouco ante o Sinfín no regreso á competición puido o Teucro curar os seus males, regresando cunha nova derrota fraguada nun mal comezo do segundo tempo.
Os cántabros enlazan así a súa sétima vitoria consecutiva na súa pista da Albericia, achegándose moito ao seu obxectivo da permanencia na liga Asobal.
Comezou ben o Teucro con tres goles de Fischer e un de Cutura para tomar vantaxe no marcador (1-4) nos primeiros minutos do encontro. Ademais, en defensa tamén se mostrou seguro no arranque, con Santana realizando paradas de mérito.
Con todo, as temperás exclusións de Rial e Póveda, froito do diferente criterio arbitral nas áreas, moi rigoroso co Teucro, permitiron aos locais recortar distancias e chegar a igualar primeiro (5-5), para adiantarse despois no marcador superado o ecuador da primeira parte ao transformar Dimitrievski un lanzamento desde os sete metros (8-7).
Non tardou en reaccionar o Teucro, que volveu poñerse en vantaxe, pero os de Rodrigo Reñones aproveitaron unha nova superioridade numérica para poñerse por diante no electrónico a falta de menos de 10 minutos para chegar ao descanso (11-9).
Con todo, o equipo galego non perdeu a cara ao partido, retirándose ao descanso con opcións (15-13), tras unha primeira parte na que destacaron Iglesias, Silva e Dimitrievski nos locais, con tres tantos cada un, e Fischer nos visitantes, con 7, ademais de Santana coas súas paradas.
Ao regresar á pista Sinfín alcanzou a súa máxima vantaxe ata ese momento (17-14), pero o Teucro, de novo con Fischer, non deu o seu brazo para torcer ata chegar ao minuto 40 cando, tras unha xogada moi discutida polos visitantes, con exclusión incluída de Cutura, o Sinfín logrou un parcial de 6-1 para levar o marcador ao 23-17.
A pesar de que aínda quedaban moitos minutos por disputar, o conxunto santanderino soubo manexar o partido mantendo a diferenza ata ese 32-27 final.
BM SINFÍN: 32 (15+17): Villamarín (p), Iglesias (6), Silva (5), Diego (1), Dimitrievski (7, 2 p), Valverde, Postigo (1) -sete inicial- Salvarrey (p.s.), Torriko (7), Vallés (2, 1 p), Lon (2), Nikolai, Sola (1) Lastra e Samuel (p.s.).
SD TEUCRO: 27 (13+14): Santana (p), Cangiani (3), Póveda (1), Cutura (6, 2 p), Bela (1), Fischer (10), Iván Fernández (1) -sete inicial- Lloria (p.s.), Rial (1), Domingo Mosquera, Gehrhardt (1), Samu Pereiro (1), Sergio Pérez (2) e Piovarczki.
Árbitros: Fernández Molina e Murillo Castro. Excluíron dous minutos a Diego, do Sinfín; e a Rial (2), Póveda (2), Iván Fernández, Bela e Cutura, do Teucro.
Marcador cada cinco minutos: 1-2, 4-5, 7-7, 9-9, 12-11, 15-13 (descanso), 17-16, 22-17, 25-19, 27-21, 30-25 e 32-27 (final).
Incidencias: Partido da décimo sexta xornada da liga Asobal disputado no Pavillón da Albericia (Santander). Uns 1.100 espectadores.
Relacionadas:
-
Ao Teucro fállanlle as forzas no tramo final e cae en Logroño (31-27)
Por Redacción |
-
Viaxe no día e a unha das canchas "más difíciles de Asobal" para o Teucro, a do BM Logroño
Por Diego Espiño |
-
Lloria obra a milagre e certifica un triunfo máis que merecido do Teucro ante o Guadalajara (30-29)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Teucro, obrigado a puntuar esta fin de semana fronte ao BM Guadalajara
Por Almu Dapena |
-
Protagonismo para as novas fichaxes na volta do Teucro á competición
Por Almu Dapena |
-
O Teucro logra a cesión de Ismael Bela para cubrir a baixa por lesión de Quintas
Por Redacción |
-
Malas noticias para o Teucro: Juan Quintas perde o que resta de tempada
Por Diego Espiño |
-
O Teucro ficha o lateral brasileiro Yano Piovarczik
Por Diego Espiño |