O Farto estrea tempada en Valencia
Por Redacción
O equipo pontevedrés Aleata-Farto conta os días para estrear a tempada deportiva cun reto de nivel.
O Farto estará presente o próximo día 10 de febreiro na Vuelta Comunidad Valenciana Féminas, na que compartirá pelotón con algunhas das escuadras máis potentes a nivel nacional e internacional como o Movistar, o Bizkaia Durango, o Sopela Women's Team, o Alé Cipollini italiano ou o Trek norteamericano.
Está prevista a presenza de 20 equipos e preto de 120 ciclistas, nunha competición que iguala os seus premios con respecto á categoría profesional masculina e que contará cun percorrido de 88,5 quilómetros entre as localidades de Paterna e Valencia.
As seis corredoras que defenderán as cores do Farto na Comunidade Valenciana serán: Raquel Gisbert, Natalia Huertas, Katiuska García, Yamila Palacios, Diana Pedrosa e Jenyffer Puentes.
Completan a formación como reserva Andrea Tomé, Ester Rubio e Cristina Bru.