Támara Echegoyen estrea tempada na Copa do Mundo de Miami
Por Almu Dapena
Miami acollerá a segunda proba da Hempel World Cup Series onde a regatista pontevedresa, Támara Echegoyen, competirá coa súa compañeira Paula Barceló na modalidade 49er FX.
Será a súa volta á competición tras o Mundial de Aarchus (Dinamarca) onde finalizaron no posto 23 da xeral.
Coas vistas postas nos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020, esta é o primeira gran cita para as dúas regatistas desde que comezaron a navegar xuntas.
"Para nós é a primeira regata de nivel 1 na que navegamos xuntas. Nesta ocasión tivemos a oportunidade de facer un bo traballo previo en Europa. Aínda así, somos conscientes de todo o que nos queda por traballar", afirmou a patroa do Club Náutico de Sanxenxo.
Desta maneira, sairán á auga co obxectivo de estar os máis arriba posible e coller boas sensacións co obxectivo de achegarse á clasificación para Tokyo, meta principal para a regatista pontevedresa.