Pleno de triunfos do Waterpolo Pontevedra ante o RCN Vigo
Por Redacción
Boa xornada para os equipos do Club Waterpolo Pontevedra nos seus enfrontamentos co RCN de Vigo.
Os pontevedreses sumaron catro triunfos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, entre eles os dos equipos masculino e feminino da Primeira División Galega.
O conxunto masculino, que empatara ante o cadro vigués ao comezo de tempada, non se confiou nesta ocasión e aínda que o desacerto ofensivo fixo que iniciase o choque en desvantaxe (2-3), os de Javi de Sáa remontaron antes do descanso e terminaron asinando un triunfo claro por 12 goles a 6.
Con este resultado o Pontevedra mantense terceiro a falta de tres xornadas para o fin da liga regular con 13 puntos.
En canto ao equipo feminino, mantense como colíder da clasificación despois de dominar o seu encontro desde o inicio e conseguir un contundente 19 a 8.
Ademais o Waterpolo Pontevedra completou a fin de semana gañando un ouro e unha prata nos Campionatos Galegos de Inverno Infantil Feminino e Benxamín Mixto.