O Cisne tira o partido ante o Amenábar nos últimos dez minutos (26-26)
Por Redacción
O Cisne comezou a segunda parte da tempada tal e como acabou a primeira. Un empate no CGTD ante o Amenábar Zarautz, colista de Honra Prata e contra o que tamén empatou o pasado mes de setembro, manteno afastado da parte máis alta da táboa. Co de hoxe, xa van cinco partidos nos que non logra a vitoria. Ademais, o desta fin de semana foi dobremente doloroso. Aínda sendo capaces de adiantarse en dúas ocasións no marcador, desperdiciaron tal situación e tiraron un punto de forma inexplicable.
Primeira parte agridoce. Durante os 5 minutos iniciais, varios roubos de balón, cos seus posteriores contraataques, permitían anotar facilmente aos locais e adquirir unha vantaxe de 3 tantos aos 10' do comezo (8-5). Aos vascos, a pesar de mover o balón moi rápido, facíaselles difícil atopar oportunidades claras de lanzamento. Aos poucos, os de casa fóronse afastando no electrónico ata alcanzar, mesmo, unha diferenza de 8 goles no ecuador do primeiro tempo.
Foi entón, cando Jabato decidiu realizar un par de cambios e, ademais de dar descanso aos titulares, aproveitar o lanzamento exterior que lles podían proporcionar xogadores como Pablo Gayoso e Guilherme. Con todo, nesta ocasión non lle funcionou e, en apenas 8 minutos, o seu equipo encaixou un duro parcial de 1-6, complicando, así, un partido que antollaba encarrilado.
O inicio da segunda parte foi a a continuación da primeira, no que a dinámica se refire. O encontro volveuse totalmente impredicible. Ambos os conxuntos adiantábanse continuamente o un ao outro durante os dez minutos iniciais. A partir dese momento, tres paradas consecutivas de Dani Fernández (que saíu en substitución de Juan Novás), deron un respiro ao cadro galego, que soubo aproveitalas á perfección e despegarse no marcador a falta de dez para o desenlace (24-19).
A pesar disto, un desastroso último tramo, onde recibiron un parcial de 2-7 (con gol no último segundo incluido), enterrou a posibilidade de romper, esta xornada, a racha mala que atravesa o Cisne. Cabe remarcar a tardanza de Jabato en solicitar tempo morto, que esperou practicamente ata o asubío final para tentar cortar, dalgunha forma, a hemorraxia que se estaba producindo. En definitiva, empate agónico a dous segundos do 60' (26-26).
CISNE (26): Novás, Javi Vázquez (3), Andrés Sánchez (5), Álex Chan (4), José Leiras (2), Álvaro Preciado (3), Dani Ramos (5) (sete inicial), Bruno Vázquez, Miguel Simón (1), Marko Antelj, Pablo Gayoso (3), Guilherme Linhares, Alejandro Conde e Dani Fernández.
AMENÁBAR ZARAUTZ (26): Ánder Ballesteros, Míkel Martínez (5), Alberto Aguirrezabalaga (4), Míkel Amilibia (3), Jokin Jiménez (1), Eneko Goenaga (2), Josu Atorrasagasti (1) (sete inicial), Oihan Balenciaga (5), Márkel Aizpitarte (1), Míkel Iraeta (1), Íñigo Etxariz, Xabat Olaizola (1), Urtzi Otegi, Míkel Beristain e Andoni Zubeldia (1).
Resultado cada 5 minutos: 4-1, 7-4, 11-5, 13-7, 13-10, 14-12 (descanso), 15-15, 19-18, 22-19, 25-21, 25-22 e 26-26 (final).
Árbitros: Áxel Riloba Pereda e Alejandro Hoz Fernández, que amonestaron a Álvaro Preciado e Alejandro Conde, por parte do Cisne, e a Ánder Atorrasagasti e Jokin Jiménez, pola dos vascos.
Incidencias: Primeiro partido da segunda volta de liga disputado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ante ao redor de 250 espectadores.
Relacionadas:
-
O Cisne sae do bache pola porta grande ao derrotar ao Novás (30-29)
Por Sofía Lorenzo |
-
Cambio de pista e hora para un derbi con moito en xogo entre Cisne e Atlético Novás
Por Redacción |
-
O mal momento do Cisne alóngase tras unha dura derrota ante o Barça B (36-29)
Por Sofía Lorenzo |
-
Vitoria contundente do Nava ante un Cisne frouxo en defensa (29-37)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Cisne comeza mal o ano perdendo en Zamora (31-25)
Por Sofía Lorenzo |